Opinión

Manifesto do Día da Eliminación da Violencia Contra a Muller

Sara Vila le o seu manifesto no Pleno municipal deste luns. GONZALO GARCÍA
photo_camera Sara Vila le o seu manifesto no Pleno municipal deste luns. GONZALO GARCÍA

41 MULLERES asasinadas no que vai de ano. 23 menores orfas. 1.074 crimes machistas dende 2003. E non son todos, hai moitos máis que non figuran nas listas oficiais do Estado. Cada 15 segundos unha muller é agredida no mundo. Son algúns dos datos que trazan a magnitude da lacra.

Celébrase nuns días a xornada internacional pola Eliminación da Violencia Contra as Mulleres nun ano marcado polo andazo da covid-19 no que non será posible xuntarnos nas rúas para reivindicarnos vivas, unidas, libres e felices. Pero protexernos dun virus non debe facer que nos esquezamos destoutra pandemia que leva séculos, milenios, matándonos. Hoxe estou aquí para reclamar por todas as miñas compañeiras, e tamén por min, algo tan básico como o noso dereito a vivir.

Porque os insultos, as vexacións, as ridiculizacións, as palizas, as violacións –en mandas ou no leito conxugal–, os asasinatos… forman parte dun todo con nome e apelido: violencia machista. Non ocorren por casualidade. Non son feitos illados. Esa realidade insoportable que nos constrinxe dende que de nenas nos contan historias de bestas que se converten en príncipes é permeable a toda a nosa sociedade. A desigualdade salarial, o acoso nas rúas, a fenda dos coidados, o teito de cristal e o chan pegañento atenden tamén á estrutura dun mundo que segue a ser hostil para as nenas, as mozas e as mulleres. Por iso a utopía de cambialo é tan urxente.

Estamos fartas de minutos de silencio. De feito, precisamos quebrar cos silencios cómplices na familia e entre a veciñanza. Que o drama da violencia non se acale nos fogares, nos institutos ou nos centros de traballo. Temos que falar de como nos relacionamos en parella e para iso é fundamental a educación. Unha formación afectivo sexual que nos recorde que o amor non ten que ver cos ciúmes e que o sexo, ademais de consentido, ten que ser desexado e desfrutado por ambas partes. Para iso fan falla recursos, un amplo conxunto de ferramentas que despregar no sistema educativo, e tamén nas empresas e nas institucións. Porque a necesidade de reeducarnos é inaprazable e abárcanos a todas e a todos.

É preciso ofrecerlles ás nosas nenas modelos de mulleres independentes e de relacións igualitarias. Pero ademais é necesario que os nosos nenos conten con referentes de masculinidade non tóxica, que promulguen a non violencia e a convivencia en igualdade coas súas compañeiras. Neste labor é fundamental o traballo dos homes. Urxen varóns que deteñan unha cadea de mensaxes vexatorias sobre unha compañeira nun grupo de WhatsApp, que rebatan argumentos que xustifican a violencia contra as mulleres, que se planten fronte aos agresores. Non hai oco para os maltratadores nin para os seus cómplices no mundo que queremos construír. Están sos.

Os nosos corpos non son obxectos. Polo tanto, nin teñen prezo nin existen para compracer a ninguén. Vestir minisaia non é sinónimo de consentimento nin pretexto para opinar sobre as miñas pernas. Só si é si. Incluso metidos na cama.

Hai uns anos este Concello empregaba este lema e eu hoxe recupéroo: un maltratador nunca será un bo pai. A integridade dos menores non estará garantida mentres un condeado por violencia de xénero poida reclamar un réxime de visitas.

É posible saír do círculo da violencia. Non estamos soas e temos a responsabilidade de dar resposta a calquera sinal de alarma. Vimos demostrando dende 2018 un músculo inimaxinable hai anos. As folgas do 8M amosaron que xa non tragamos máis, que existen redes de solidariedade para apoiarnos que nos recordan que a vida máis alá do maltrato merece a pena. Precisamos o compromiso das Administracións para evitar máis asasinatos. Para que ningunha chamada de socorro quede desatendida.

O que pedimos é tan sinxelo que nin sequera cómpre perder o tempo explicándollelo aos que non o queren entender. Queremos vivir en paz. Que as rúas tamén sexan para nós de noite. Que poidamos volver a casa sen finxir que falamos por teléfono e que poidamos quedar cun home sen medo a que non pare se non estamos cómodas. Que estar bébeda non sexa escusa para violarnos. Queremos amor do que fai sorrir, do que non doe, que acompaña e nos fai máis fortes, non débiles. Amor sen límites da parella, das amigas, da familia e das veciñas. Esa é a mellor herdanza que poderemos deixarlles ás nosas nenas. Chegamos ata aquí grazas ao camiño aberto polas nosas nais e avoas, consigamos que as nosas fillas e netas alcancen moitos máis desafíos. Por nós, polas que virán e polas que xa non están. Non á violencia machista.

Comentarios