Opinión

This is not América

Crónicas dun tempo

COMO NA letra da marabillosa canción de David Bowie, evidentemente isto non é América. Mentres aquí andamos distraídos, e tamén fartos, da telenovela da incompetencia absoluta do Goberno da Comunidade de Madrid fronte á pandemia –tal e como sucedeu en marzo–, nunhas poucas semanas terá lugar un acontecemento, a milleiros de quilómetros, que definirá en gran medida o noso futuro como europeos: as eleccións presidencias nos Estados Unidos. Celebraranse nunha data curiosa, que estableceu unha lei de 1845 e que as fixa no primeiro martes despois do primeiro luns de novembro. Naquel mundo rural do s. XIX –no que só votaban os homes brancos–, a data acaída era unha vez rematadas as colleitas e antes de comezar o inverno, de maneira que puideran facer longos percorridos en carro para ir votar e porque ademais tampouco podían ser en sábado ou domingo, por ser os días festivos para xudeus e cristiáns.

Daquela, o vindeiro martes 3 de novembro está previsto que se decida quen será o presidente dos EUA, coa importancia que isto ten para o noso futuro económico nos vindeiros anos. Estes comicios son os únicos de carácter nacional con impacto realmente global, dadas as inevitábeis consecuencias na economía maila xeopolítica mundial. Así mesmo, porque tampouco hai que esquecer a importancia das exportacións da Unión Europea cara os EUA, de ao redor do 15%, o que os converte no noso primeiro socio comercial.

Aínda que o camiño dos dous candidatos é semellante en moitas cuestións, no relativo ao comercio con Europa poden diferir os seus percorridos. Dunha banda, está a unilateralidade xa iniciada por Donald Trump fronte á zona Euro, coa resposta contundente aos subsidios europeos para Airbus en clara competencia co seu rival americano, a compañía aeronáutica Boing, que o levou a impoñer aranceis do 25% en sectores tan relevantes e estratéxicos para nós como o das conservas, o mexillón, ou o do viño, coa ameaza de incrementalos ata o 100%.

Fronte a esa visión unilateral do actual ocupante da Casa Branca, estaría o candidato demócrata Joe Biden, cuxa relación con Europa sería seguramente multilateral. No caso de gañar esta opción, sectores económicos estratéxicos europeos como o da automoción ou o das enerxías renovábeis poderían verse claramente beneficiados por unha redución de certos gravames, coma o dos coches eléctricos. Mais como a covid-19 vén xa de alteralo todo, tamén o vai facer na maneira en que voten os cidadáns estadounidenses e se en 1845 era complicado non o será menos este 2020, no que o servizo postal americano o USPS terá o papel protagonista.

Sexa un ou outro o resultado, a Unión Europea ten que madurar dunha vez e afrontar o seu futuro dende unha posición de maior cohesión e forza sen agardar ao que sucede cada catro anos o primeiro martes despois do primeiro luns de novembro. Porque nesta crise global, por mor da pandemia, as tensións entre China e os EUA serán cada vez maiores, e como di a canción: "This is not America (no) / This is not (sha, la, la, la, la)".

Comentarios