Opinión

Calidade democrática

Non debería dicilo porque vulnera a imaxe de España, pero ao mellor algo de razón ten; como cando vostede critica unha acción dun ser querido pero non admite que ninguén fale mal del. Claro que España é un país democrático, pero no escalafón non goza da mesma calidade quen ocupa o posto 23 que o situado no primeiro, e incluso o nivel deste é mellorable. Non levaría o título de máis democrático o país que tiña en marcha o pasado ano 14 procesos xudiciais contra artistas, que censura obras como Fariña ou números de El Jueves, e que encarcera creadores, agora Hasel (distinto é a inadmisible violencia posterior e cuestionables os seus textos) e antes uns titiriteiros, e un actor foi xulgado por blasfemar. Excesivo. Igual que sería antidemocrático non poder gravar un representante das forzas da orde aínda que estivera cometendo un delito como o dos policías de Linares que se ensañaron cun veciño. Na democracia, como en todo, hai cotas.

Comentarios