Opinión

Emerxencia cultural

Hai unha semana actuou no Círculo das Artes de Lugo o trío Forma Antiqva nun concerto organizado pola Sociedade Filharmónica. Dista un mundo de tratarse da volta á normalidade na xestión cultural, de feito vén de pospoñerse un dos principais festivais do país, o Resurrection Fest, e como ese moitos; pero representa unha apertura nun sector devastado. En comparanza con outros afectados, apenas transcenderon queixas públicas a pesar da parálise que levou á perda dun terzo dos seus ingresos, a que se tiveron que activar mecanismos de solidariedade para que os traballadores puideran subsistir e á destrución de 42.000 empregos en España o pasado ano. Evidentemente non foi igual para todos, o subsector do libro aguantou moito mellor que o musical, por confrontar; pero as industrias culturais, que achegan o 3,2% do PIB en España e arredor do 2,2% en Galicia, foron das máis prexudicadas. A ver se con maio lle chega a primavera.

Comentarios