Opinión

Poñer en valor a palabra

NON HAI nada que teña menos valor que a palabra de Toni Cantó, e iso que agora vai vivir dela, tras ser colocado á fronte da Oficina do Español do Goberno madrileño. No proceso do enésimo cambio de partido xa se aventuraba, pero agora queda comprobado ao aceptar un chiringuito político, deses que só serven para situar a quen non ten outro acomodo, igual que el criticaba anteriormente. Incluso chegou a considerar chiringuito un ministerio. A época dourada dos contratos a dedo acabouse, proclamaba cando era deputado na Comunidade Valenciana, pouco antes de empadroarse en Madrid para ser membro da Asemblea, na que finalmente non puido entrar por cuestións legais. Agora xa non ten reparos, porque creouse un departamento para el, un no que haberá que poñer en valor a palabra, como se o castelán estivera atacado na capital do reino, a modo de entidade paralela á Academia da Lingua, quizais para solventar o laísmo, ou nin iso.

Comentarios