Opinión

Radicalización na procura de votos fuxidíos

ENDURECER o discurso para recuperar hipotéticos votos que se irían a Ciudadanos (o principal temor) ou a Vox (por poucos que sexan todo suma). Esa é a estratexia do PP logo do cambio de líder. Os populares non atopan outra solución que virar á dereita, a semellanza da época de Aznar, pero daquela foi por convicción e desta por necesidade ao baterse contra outro partido xa asentado no mesmo espazo. Daquela non había rival; desde a extrema dereita ata o centro ese espectro estaba acaparado polo PP, pero agora está máis atomizado. Deixan así os populares espazo para o PSOE, que sería o gran beneficiado desta pelexa fratricida (Casado e Rivera son irmáns ideolóxicos) que será máis cruenta cando máis se acheguen as eleccións. A inmigración e Cataluña son os principais argumentos, o problema para eles é que son os mesmos de Ciudadanos, e iso levaraos, a uns e outros, a seguir virando cara a radicalidade.

Comentarios