Opinión

Escravo / Esquecer

 

Escravo

Xa non lembro o que é sorrir..., nin sequera o que é chorar... Despois de pasar tres días chorando noite tras noite, acabas secando, tanto de emocións coma de bágoas.

Un escravo non ten dereito a chorar.

Un escravo non ten dereito a rir.

As ordes convértense no único que me mantén con vida. Xa perdín toda esperanza e seguir as ordes dos meus amos é o único que podo facer.

Un escravo non ten dereito a ter esperanza.

Un escravo non ten dereito a ter privacidade.

Lembro que antes tiña soños, desexos, pero desde que a miña «nai» me vendeu ao meu primeiro amo todo iso desapareceu. Agora só sobrevivo día a día... Non sei como.

Un escravo non ten dereito a soñar.

Un escravo non ten dereito a ser libre

Odio a miña vida, pero non son o suficientemente valente como para acabar eu mesmo con ela. Só me queda esperar a que chegue a miña hora... e espero que sexa canto antes.

Un escravo sempre será un escravo.

Un escravo morrerá só se o seu amo llo permite.

As palabras deixaron de danarme hai moito, xa non lembro canto. Limítome a seguir ordes, sexan cales sexan. Pero hai unha que nunca puiden entender:

Vive a vida como ti queiras.

Ao meu novo amo... creo que nunca poderei entendelo. Non fai máis que dicir frases sen sentido, estrañas para min.

Ensinareiche o que é querer e ser querido.

A vida non é só seguir ordes, debes tomar as túas propias decisións.

Do mesmo xeito que el, os demais serventes da casa actúan de maneira estraña.

Por que se comportan tan amigables co amo?

Por que o amo non lles grita cando cometen un erro?

Por que sinto calor, tranquilidade, cando o amo me trata co que eles chaman agarimo?

Alba Bouzó Cordero

IES A Cañiza [Pontevedra]

 

Esquecer

Podo ver moita xente, pero só recoñezo á miña querida Elisa. Parece maior… Como pode envellecer nun intre? Non sei onde estou. Como cheguei ata aquí? Que está pasando? Quero unha explicación! Por que estou canso?

Debería calmarme. Voulle preguntar a este rapaz louro onde estou. Sinto como que as palabras están atascadas na miña gorxa. Que me pasa?

Estás na casa, avó.

Avó? Eu… teño netos? Esas cousas non se esquecen así como así. Como podo non recordalo? Está a mentir. Rapaces malcriados do carallo! Quen cre que é?

Que é o último que lembro? Non o teño claro… Eu era un neno e vía o mar por primeira vez. Non. Iso non é. Eu bailaba con Elisa. Non, tampouco é iso… Teño un fi llo! Ai, como o quero! Recórdoo…

Non! Esa canción que soa. Esa melodía é a que soara no enterro, cando morreu… Morreu! Non pode ser que o meu fi llo morrera! Non. Esta xente fíxome algo. Non pode ser verdade… Non podo fi arme do que penso?

Quero saír de aquí.

Agora non me funcionan os músculos? Dóenme os nocellos, a cadeira…

As articulacións, todas, están como… ríxidas. Miro a miña man. Está engurrada e teño manchas na pel. Que pasa?

Un rapaz louro mírame triste.

Son o teu neto, Luís, non me recoñeces?

Nego coa cabeza, non recordo nada. Non entendo. Síntome impotente.

Esquecinme de quen son… Non me coñezo?

Vexo unha muller, loitando contra as súas bágoas, coller o neno nos brazos.

Vamos, Luís, xa sabes que o avó está maliño...

Estou maliño? Son avó? Non pode ser así. Eu sei quen son…, pero non o lembro… Carallo! Por que non me lembro de nada?

Podo ver moita xente, pero só recoñezo á miña querida Elisa. Parece maior…

Alba Collazo Sorribas

IES do Castro [Vigo]

Comentarios