Opinión

O imperativo da cortesía / O número 90

O imperativo da cortesía

GAELA, a piques xa de chegar ao seu destino, esculcaba pola fiestra, mente perdida e ollada errante.

Ergueu a testa ao escoitar o rinchar das portas do autobús, que invitaban ao seu interior aos pasaxeiros da última parada. De entre a marea de rostros, un éralle vagamente coñecido.

Non tivo tempo de afastar a mirada antes de que aqueles ollos se cruzasen cos seus, prendéndose neles unha faísca de recoñecemento. Non conseguiu evocar un nome nin un lugar para aquela cara. A outra comezou a marchar cara ao fondo do autobús, os ollos aínda trabados en Gaela, e Gaela, malinterpretando as súas intencións, retirou a súa bandoleira do asento da dereita.

A outra deu un pequeno tropezón co súbito cambio de dirección, e sentouse torpemente no bordo do asento que lle fora imposto. Entreabriu os beizos, musitando palabras que Gaela non acadou a escoitar, pero cando quitou o auricular do oído dereito, a outra xa estaba de volta en silencio. Gaela esbozou un medio sorriso, chea de incomodidade, e tentou emitir unhas palabras de saúdo que abandonaron a súa gorxa en forma de croo incoherente. A outra asentiu educadamente.

Apenas un instante máis tarde, Gaela tivo que dobrarse torpemente sobre as pernas da outra para conseguir, coas puntas dos dedos, premer no botón de parada. Escorreu logo con dificultade cara ao corredor, mentres a outra se apertaba contra o asento, como tratando de fusionarse con el.

Xa libre, Gaela, aínda cun auricular colgando e o outro na orella, pensou en algo que dicir. Pero a marea de xente empurrábaa inexorablemente cara á porta, mentres ela llelo agradecía en silencio.

–Deica logo.

–E ti tamén. Xamais se volveron a ver.

Delia González Labraña 
IES A Paralaia (Moaña)
(Finalista destacado na categoría de adultos)


O número 90

NON se atopaba a contragusto, pero tampouco estaba onde quería estar. Os Eagles tocarían Kiss the Devil, e Breixo sabía que lle encantaba. Aproveitou o mínimo interludio para saír da estancia.

—Necesito fumar —desculpouse.

Ela estaba excitada. Who'll love the Devil? Who'll song his song? Who will love the Devil and his song?, entoaba ao unísono coa banda e cos demais espectadores. Levábao preparando dende que comprara as entradas, pero Breixo concluíu que non era o momento oportuno para pedirlle matrimonio. I'll love the Devil! I'll sing his song! I will love the Devil and his song! Levou as mans a ambos os lados do pantalón: ao esquerdo para sacar o paquete de tabaco e ao dereito para comprobar que o anel seguía alí.

Era novembro, pero fóra non ía frío. Abriu o paquete de tabaco e dispúñase a prender un cigarro cando un home que entraba no local o golpeou de súpeto. Máis ou menos, sería da súa idade. Era lampo e de faccións escuras, posiblemente de orixe musulmá. Tras del entraron tres máis con certo parecido.

Who'll love the Devil? Who'll kiss his tongue? Who will kiss the Devil on his tongue?

Co primeiro refacho de disparos, Breixo mirou o ceo buscando foguetes. Co segundo, reparou na súa procedencia. A música deixara de soar e unha manda de berros e disparos envolveuno todo. Co barullo non se escoitaba nin a el mesmo mentres a chamaba.

Atopouna tendida no chan. O sorriso que debuxou ao contemplalo foi o derradeiro ápice da súa vida. Cubría o abdome cunha man ensanguentada. Breixo apertoulla e bicoulle a barriga logo de apoiar a cabeza nela.

Segundo cifras oficiais, esa noite morreron 89 persoas no Bataclán. Breixo sabía que realmente foran 90.

Fabio Rivas Pardo 
Facultade de Filoloxía e Traducción (Aldán)
(Finalista destacada na categoría de adultos)

Comentarios