Opinión

Solta a melena / Preciso respirar non afogar

Solta a melena

ESCURO E  húmido, así era o faiado que ocupaba William para espiollar as perrucas que o seu xefe roubaba nas rúas. Dende 1900, un par de anos atrás, coñecía a ese señor: Joshua, un carniceiro casado e con fillos que atopara negocio en elaborar unha técnica do máis singular para o roubo de perrucas. Resultaba proveitoso polo caras que resultaban e o fácil que era venderllas aos seus compañeiros de clase obreira que non podían permitirse unha de calquera outra forma, posto que estaban destinadas aos burgueses.

Era bastante sinxelo, e aínda que ao principio sentía unha gran repulsión ao tocar eses matos graxentos e cheos de vida, ao final, ese emprego resultara ser unha grande oportunidade. Porque William comezaba a ser feliz e ata creara a súa fórmula para fulminar aqueles parasitos mesturando produtos de limpeza. Era efectivo, polo menos.

A súa rutina non tiña moito misterio. Cando tocaban as campás da fábrica, el saía cara ao traballo cavilando como fora o día. E no camiño o seu estómago remexíase da emoción. Que clase de perrucas atoparía Joshua hoxe? Como sería a súa densidade, cor, lonxitude? Unha loira? Gustábanlle as loiras.

E é que William, aos seus 17 anos, descubrira que o seu maior gusto era probar perrucas roubadas a señoritas. William sentíase ben, sentíase guapo. Cos seus dedos peiteaba as puntas, mirábase con garbo no vidro da fi estra e, por primeira vez, queríase.

Que anhelo verse desa forma e que chasco volver ser el. Algún día ese traballo daríalle o diñeiro sufi ciente como para pagarlle a Joshua por unha delas.

Sandra Piñeiro Aguete 
IES Johan Carballeira  [Bueu]

Preciso respirar non afogar

9. TOMO aire e noto como escapa polos pulmóns. Fáltame o oxíxeno. Non podo respirar

8. Escuridade. Allea sensación a de sentirse dono dos meus pensamentos. Tanto cuestionarse todo deixa a un con dor de cabeza e de remordemento.

7. Parece coma se as agullas do reloxo estivesen observándome con cautela, esperando a que me fi xe nelas para cohibirme máis. De súpeto, estas comezan a apurar, ata esfumarse deixándome sen alento e sen vivir.

6. Por que non son capaz de concentrarme? Por que non podo ser coma os demais e facelo? Soamente quería descansar. O de durmir non é moi compatible cos estudos. Se non durmo, non me concentro, e se durmo non descanso, pois as leccións e os problemas roldan pola miña cabeza coma un parque de atraccións.

5. Agora xa non sei que dirección seguir. Se onte os camiños non eran claros, agora xa non diviso sequera o mínimo paso cara ao futuro. Quero realmente dedicarme a isto o resto da miña vida? Non me fartarei? Faráseme monótono?

4. A súa voz latexa na miña memoria coma un ritmo constante. "Non te estás a esforzar". "Os resultados poderían ser mellores". Nunca desexei tanto que o mundo fose mudo.

3. Síntome nun círculo dando voltas, perdéndome para encontrarme. O problema é que non atopo a ninguén.

2. Xa non era o de antes, acabóuselle o amor, dixérame. Agora intento buscar a aceptación. Seica trataba de atopar nel o amor que eu non son capaz de darme.

1. A monotonía perségueme. Non atopo segundo sen planificación. Erguerse, almorzar, andar… Todo se converteu nunha continua repetición. Xa nin aprecio o agasallo de estar con vida.

Seica todo comezou cunha acción e co seu respectivo pensamento consecuente. 

Lucía Álvarez Vidal 
IES San Tomé de Freixeiro [Vigo]

Comentarios