Opinión

Un amigo diferente / Un soño

 

Un amigo diferente

–Ola, ola outra vez! Ninguén quere contarme nada? Que mágoa, co que me gusta a min que me conten cousas todos os días. Queres contarme as túas cousas? Eu sei gardar segredos, paréceche estraño?

–Pois si.

–E por que?

–Porque non es unha persoa.

–Mira, eu son un diario e teño moitos segredos, teño moitos amigos humanos, como: Lidia, Paula, Alberto, Carmen, Lois e Mariña... Son todos coma ti.

–Cóntasme algún segredo deses humanos?

–Siiii, mira, Sabela, le aquí... E así como asomou o fociño á paxina, PAM!!!

–Aaaiiii, iso doeume.

–Aguántaste, como podes querer que che conte os segredos doutras persoas?

–Ben, aí tes razón.

–Claro, que esperabas? Que con esa cariña de nena boa ía contarchos? Pois lévala clara. Ou gustaríache que se me contas algún teu llo vaia contando á xente?

–Dito así...

–Ben, deixemos de falar de min e cóntame de ti.

–Espera, explícocho todo. Eu son unha nena orfa, pero os meus pais adoptivos quérenme moitísimo, teño 10 anos e... non llo digas a ninguén, pero gústame un rapaz, chámase... Espera! Por que che estou contando isto?

–Porque somos amigas, non si?

–Si, sigo, logo. O rapaz chámase Andrés é moi guapo.

–Oes, facedes boa parella logo, porque ti tamén es guapa.

–Vale, se ti o dis... Tamén che podo contar unha cousa que non has crer.

–Conta, conta!

–É a primeira vez que veño a un lugar así.

–Que dis! Nunca foras a unha tenda de xoguetes?!

–Pois non, non teño que ir a todos os sitios que van por Nadal os nenos para pedirlles aos Reis. Non me fai falla vir porque eles xa saben o que quero.

–Claro, porque son Magos.

Mª Candelaria Panadero Dios

IES Illa de Arousa

 

Un soño

Era pola mañá, chegaron ao colexio. Principio de curso, de quinto de primaria. El mirouna a ela, ela mirouno a el. Comezaron a falar e non se sabe cando acabaron. Querían verse, falarse...

Estiveron xuntos dende quinto de primaria ata segundo de bacharelato. Foron á mesma universidade, estudaron o mesmo e na mesma clase. Non había quen os separase. Cando chegaron aos vinte e catro anos, empezaron a ser parella, unha parella cun soño. Querían vivir nunha casa afastada, eles sós, ninguén máis. Preto do mar, pero non na praia. Un cantil sería perfecto.

Pasaron os anos, chegaron aos corenta e aínda non cumpriran o seu soño. Ela atopábase mal e foi ao médico. Quedou perplexa coas palabras do médico. Díxolle que acabaría esquecendo todo, aínda que pouco a pouco. Chegaron aos sesenta e cinco anos e, por fi n, cumpriron o seu soño.

Xa estaba. Xa estaban na súa casa soñada. Ao lado esquerdo da casa había un banco. Sentaron, mirando ao mar. Atardeceu. A auga púxose dunha cor alaranxada e o ceo, amarelo.

–Precioso –dixo ela.

–Máis ca iso –dixo el.

Colléronse da man, miráronse e ela dixo:

–Nunca o esquecerei, nin esta paisaxe, nin esta casa, nin a ti.

Javier Pérez Buceta

IES Faro das Lúas [Vilanova de Arousa]

Comentarios