Opinión

Ata que quedei sen chocolate / Mateo

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

Ata que quedei sen chocolate

O día do meu setenta aniversario volvín ao meu barrio despois dunha ausencia de cincuenta anos. Concedinmo como agasallo. Quería saborear devagar os meus recordos. Amodiño, recorrín a estreita beirarrúa que leva ao meu colexio e volvín ver os meus compañeiros, a mirada precavida dos veciños cravada nas miñas costas, as pistas debuxadas no asfalto onde faciamos rodar os trompos no camiño, os cochiños recheos de masa, a pelota de goma, as bólas, os cromos... Mentalmente, no meu paseo, recordei de forma furtiva algúns dos agora inexistentes portais onde roubei (ou me roubaron) os primeiros bicos, imaxinei a pegada do meu corazón e a frecha con que xurei o meu primeiro amor eterno. Acariciei a madeira dun vello banco, arrastrei a miña man polas paredes lisas, como facía sempre que recorría o traxecto, e perdinme, sen sabelo, como unha alma libre cargada de soños e esperanzas, no frondoso e tupido arboredo do paseo onde por primeira vez dixen un tímido «Quérote». Aquel día, ata que quedei sen chocolate, volvín ser o tímido loiriño que sempre andaba coa boca sucia. Pero ao fi nal volveuse unha boa persoa sen a boca sucia e sen ser tan tímido. Pero tamén volveu ver os seus amigos.

Yanet Méndez Gómez
CEIP da Cruz Camos [Nigrán]


Mateo

Cando nacín rompéronme os brazos e metéronme nunha caixa. Pasado un tempo adoptáronme e leváronme a unha casa que non coñecía. Alí recompuxéronme e déronme uns caramelos. Tamén me colocaron cintas de diferentes cores por todo o meu corpo. Sentíame moi raro.

Unha noite vin que un home estraño se acercaba a min. Levaba unha vestimenta un tanto rechamante e, despois de deixar uns paquetes ao meu carón, marchou a fume de carozo. Eu tiña intriga de saber que había neles, pero quedei coas ganas, ata que, ao amencer, uns nenos chamados Roi e Selena e os seus pais desvelaron o contido daquelas caixas tan ben envoltas. Para ser sincero sentín mágoa de non ter eu tamén un regalo. Non obstante, Selena percatouse de que un deles tiña unha tarxeta co nome de «Mateo» e pensou que se trataba dunha equivocación, xa que ela non coñecía ninguén que respondese a ese nome; así que decidiu deixalo onde estaba. Cando marcharon, de repente, comecei a mover os brazos e conseguín abrir o regalo que fi caba no chan. Tratábase dunha fermosa estrela que alumeaba toda a estancia. Sen perder tempo coloqueina na miña cabeza. Era tanta a luz que daba que a familia regresou para ver que estaba a acontecer no salón da casa. Cando se acercaron e viron a caixa aberta e a tarxeta co meu nome tirada no chan, comprenderon que eu era Mateo, curioso nome para unha árbore de Nadal, non credes?

Olalla Montilla Villar
CEIP de Merza [Vila de Cruces]

Comentarios