sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Cemiterio de almas e esqueletos quebrados de pensamentos e illas murchas / Un vello amigo

▶ Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos fi nalistas da VII edición do concurso literario
 

Cemiterio de almas e esqueletos quebrados de pensamentos e illas murchas

O bater das solas das súas zapatillas compoñía ritmos gravados a compás no pavimento. Fusionar emocións na cinética, deformar os barrotes da mente. Non opoñer resistencia ante a cascada das pálpebras e correr aletargando a negrura adrenalínica.

Ata que chega á recta. Os focos dun automóbil rachan cun lóstrego afiado o veo dos seus ollos, e sente que lle desgarran a cómoda capa de utopía e a enfundan nunha áspera e xeada volta á realidade. Ao final do paseo, o contraste das luces do vehículo esborranchan unha erguida silueta masculina. Aumenta a velocidade do trote mentres se forma nos seus miolos, antes liberados, un medo nacente. Látelle intermitente no peito, coñecido, adestrado, indisuadible.

Albisca a súa mirada intimidatoria na penumbra do paseo e un murmurio non solicitado, que se destorce no motor dun camión. Traga un chío de rabia entre os beizos apertados mentres o temor sobe e se asenta en molestas palpitacións da caluga. De súpeto, o sendeiro estréitase, mareante, e unha forza retena do brazo. Intentos vans de forcexo, entorpecidos polo pánico, culminan nunha lingua húmida e repulsiva recolléndolle a clavícula. 

Vulnerable, débil, desprotexida, aldraxada. Así é como pretenden que se sinta. Deitada brutalmente detrás da matogueira, anegada por un pavor que a desborda por dentro. Mans, miles de mans, un coche que pasa, a pel estragada, un olor a terra mollada na face, e vómito na herba. Un veleno pasa a formar parte dela, gangrena cada vea, contamínaa, imprégnaa, vólvese seu. Podrecerse no interior, corroerse e esmiuzarse nun ritmo agora forzado e alleo. A súa face desfi gurada na herba esmagada tentou articular a primeira palabra tras o prefacio.

PAULA DOMÍNGUEZ BARREIRO

IES Valle Inclán  [Pontevedra]  

Un vello amigo

 Alí estaba el. Un vello de oitenta e dous anos tranquilamente sentado nun banco. Escoitaba os paxaros piar mentres vía os seus netos xogar naqueles tobogáns e randeeiras tan novos e amigables. Facía un día solleiro cunhas solitarias nubes vagando polo fermoso ceo azul.

A súa neta pequena xogaba cun neno da súa escola, tirando dun lado para outro os seus xoguetes, baixo a desaprobación do avó. O maior xogaba ao fútbol contra a parede, acompañado do seu irmán. Ese ambiente invitábao a durmir e a hora da sesta xa pasara hai rato. 

Pechou os ollos lentamente. O último que viu antes de botar unha soneca foi alguén que xa coñecía, pero que o cansazo non lle permitía recoñecer. Xa o vira cos seus pais e tamén cos seus avós. Pero o sono interrompeu todo pensamento para centrarse en descansar. 

–Avó..., avó... –escoitou ao lonxe, case sen forza.

–Avó! –espertou. Súa neta quería volver coa súa nai. O seu amigo xa volvera á casa.  

Regresaron a paso lento, e a súa fi lla recibiuno cunha aperta con moito cariño, coma as que sempre lle daba de nena. Despediuse dos nenos, os cales lle deron unha aperta en grupo, facendo aparecer un sorriso na súa faciana engurrada. 

Despois doutra longa andaina, chegou á súa casa. Lembraba cando a súa muller lle daba a benvida cun amoroso bico. Agora o fogar era solitario. 

Sentouse no sofá sen ganas de acender esa complicada caixa eléctrica. Estaba canso, moi canso. Comezou a pechar os ollos de novo. Pero volveu abrilos por mor dunha presenza que percibía. Alí estaba. Xa sabía quen era. E entendeuno todo. Xa era a hora. Recibiu a fi gura negra como un vello amigo e seguiu a capa negra a todas as partes, e a ningures.

HÉCTOR DORRIBO VÁZQUEZ

IES San Tomé de Freixeiro  [Vigo]
 

Cemiterio de almas e esqueletos quebrados de pensamentos e illas...
Comentarios