sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Libro sen palabras / Só letras e raias

Libro sen palabras

Había unha vez unha biblioteca na que había un montón de libros, a maioría deles de aventuras, misterio e cómics. Unha tarde, o avó de Agustín levouno a buscar un conto, para que polas noites puidese ler antes de durmir. Agustín escolleu o máis gordo e máis grande. Cando chegaron á casa, o neto pediulle o libro ao avó e, cando abriu o libro, decatouse de que non tiña nada dentro. O neno queixouse ao seu avó dicíndolle que aquel libro non tiña palabras. O seu avó, sorprendido, foi á biblioteca e queixouse á súa vez ao encargado de que o libro estaba baldeiro.

O encargado explicoulle que era máxico, que simplemente tiña que ir contando unha historia e as palabras aparecerían maxicamente. A Agustín, cando o avó contou o que lle dixeran, pareceulle xenial e superdivertido. No primeiro capítulo, díxolle ao seu avó que quería ser astronauta e axiña apareceron escritas as primeiras palabras que pronunciou Agustín, que estaba abraiado.

Todas as noites durante media hora, Agustín contáballe ao seu avó unha historia diferente e os dous pasaban un anaco moi divertido vendo como o libro a escribía. Agustín no único que pensaba era en que chegase a noite para coller o seu libro máxico e contar unha historia nova.

Chegou o día de devolver o libro á biblioteca, e Agustín non quería desprenderse del. Con aquel libro e o seu avó, o neno aprendera a visitar mundos fantásticos e a soñar e imaxinar. Ao chegar á biblioteca, o seu avó explicoulle ao encargado que o seu neto non quería desprenderse daquel libro. Ao velo tan triste, o encargado regaloulle o libro, que o acompañou o resto da súa vida. Agustín, co tempo, sería un dos maiores escritores de Galicia.

Aarón Poza Filgueira 
CEP Sequelo [Marín]


Só letras e raias

Veño da China, pero de alí só recordo caixas e máis caixas, posto que eu nacín nunha fría e escura caixa. Un día, metéronme nun barco e leváronme ao voso planeta chamado España. Foi unha viaxe horrible, chea de ventos e de choivas; aínda me noto mareado!

Cando cheguei a España, leváronme a moitas tendas, pero en todas me recibían con mala cara e repetían a palabra "defectuoso" ou "Non!, é defectuoso", sempre a palabra "defectuoso".

Ata que un día, a filla dun comerciante comproume por unha miseria de diñeiro. Estiven algún tempo gardado nun caixón que cheiraba a incenso e a cinzas.

Logo a nena levoume a unha mesa e..., para a miña indignación, púxome outra tatuaxe, co que doe! Non lle valía a miña tatuaxe natural, pois toma tatuaxe! Pero resigneime.

Pouco despois, levoume a un sitio cheo de nenos berróns, maleducados e cheos de grans, chamado escola; alí, a non sei que hora da mañá, a nena collíame polos pelos e veña raiado, veña borróns e tachas, e veña tatuaxe, veña corazonciño, e veña "Gústame Tom" ou "I Love You", veña goma e máis goma... Pero o peor era a ra con roupa de humana, que collía un "boli" cargado de sangue e pum! Un "0 puntos" ou 10 de 10.

Agora eu xa son moi velliño e estou cheo de borranchos, como a vida de calquera caderno.

Valentina Ríos Gandón 
CEIP da Espiñeira-Aldán [Cangas]

Libro sen palabras / Só letras e raias