Opinión

Maltrato / A miña grande adicción

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

Maltrato

Só quero dicir unha cousa: estou canso de tanta inxustiza que hai no mundo!

A palabra "maltrato" é fácil de explicar pero difícil de ver. Existen moitos casos de maltrato e a todos nos desgustan moito. Este é o abuso que me fixeron a min.

Cando nacín, saín dunha especie de máquina máxica; teño moitos amigos e coñecidos parecidos a min e algunhas veces ata me insultan. Que se son un preguntón, que se son difícil no trato, que se son o peor que lles pode pasar... Isto é un maltrato!! Aínda non sei por que se comportan deste xeito comigo... Ao mellor é porque me gustan as matemáticas e facer preguntas, son moi curioso. Quizais por iso me marxinan.

Nunha ocasión un coñecido miroume con cara de confianza e deixoume nunha mesa. Despois un deses maltratadores, ensinoume dous da mesma especie ca min pero ao mesmo tempo moi distintos, e fixémonos moi amigos. De alí a un anaco, cando os meus novos amigos xa marcharan, deime conta de que estaba moi sucio. E para rematar veu outro deles a ensuciarme aínda máis. Pero, por se isto fose pouco, púxome unha tatuaxe co número 3,5 e gardoume nunha carpeta. Desde ese día sigo alí e aínda non entendo por que me están a dar este trato. Nin que fose un exame de mates!

Miguel Varela Guzmán
CEIP de Merza [Vila de Cruces]


A miña grande adicción

E alí estabas, outra vez, como todos os días á mesma hora.

Tiña unha gran necesidade: verte, escoitarte, sentirte, apreciarte… Eras imprescindible para min, tiña que verte pola mañá, pola tarde, pola noite. Eras unha necesidade incontrolable, desenfreada...

Pola mañá espertábame pensando en ti, na túa figura, na túa cor… Pensaba en ti cada día, a todas horas, cada minuto, cada segundo.

Mentres estaba no traballo pensaba en ti. Chegaba e o primeiro que facía era deixar a mochila e o abrigo para prenderte para min. Ese era o momento máis satisfactorio e relaxante do día.

Pero, ese día, iluminácheste e vin en ti algo diferente, algo que non me gustou nada, non era o mesmo de sempre, era algo novo, algo que nunca vira e que non quería ver, xa non eras agradable. De súpeto, todo en ti volveuse violento, feo e arrepiante.

Unha sombra escura. Tiña por dentro unha sensación mala e triste ao mesmo tempo porque nunca me dera conta da realidade ata este mesmo instante. Quixen fuxir, deixarte, pór terra de por medio, empezar de novo sen ti.

Pasaron anos dende aquilo pero, aínda hoxe en día sigo ao teu lado. Boa ou mala es a miña adicción.

Rebeca Vidal Mariño
CEIP Reboreda [Redondela]

Comentarios