sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

O país das palabras / Caduca

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

O país das palabras

CAPÍTULO I

Moitos preguntarédesvos de onde viñeron as palabras, pensaredes que as fixemos nós. Pois non, veñen dun lugar moi lonxe, o país das palabras. Unha pequena, minúscula estrela onde as palabras viven.

Alí había palabras con prefi xos, con acentos... Ata había palabras con máis de oito silabas e outras con só unha.

No seu mundo, as palabras eran como o que dicían, a palabra «Sol» resplandecía como o ouro, e «noite» brillaba coa luz da Lúa.

Tamén existían familias, por exemplo, as sinónimas, as polisémicas ou as compostas. Tamén había palabras moi soas, como as monosílabas. E existían palabras que non significaban gran cousa, como «ninguén», ou «nada» ou «baleiro».

Todas convivían, mais había algunhas que eran malas e non se portaban ben.

CAPÍTULO II

Un día chegou á praza central unha desas palabras que quería cambiar as cousas.

Era a palabra «manifestación», viña acompañada doutras que tamén estaban de acordo con ela.

Todas calaron e «manifestación» dixo berrando:

–Eu estou farta de que haxa tantas guerras e pelexas. Eu digo que acabemos con esas palabras malas. Quen está comigo?

Escoitouse o silencio por uns segundos.

CAPÍTULO III

«Amor» falou:

–Paréceme unha boa idea.

«Paz» saíu ao paso:

–A min igual. Podemos facer unha fogueira?

E «maxia» dixo:

–Non, iso sería algo malo. E se fago algo de maxia?

Case todas as palabras dixeron:

–Siiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii...

–Abracadabra!!!! Que desaparezan as malas palabras.

E, dende aquel entón, xamais existiron mal, guerra, morte e outras que xa se esqueceron no país das palabras boas.

Xulia Teixeira Rey
CEIP Álvarez Limeses [Pontevedra]


Caduca

Chámome Caduca. Nacín na primavera coas miñas irmás. Cando nacemos, somos verdes. Ás miñas irmás e mais a min gústanos moito o Sol e a auga para poder vivir e crecer; sacámola da terra.

No verán vai moito máis Sol, e alimentámonos mellor, porque o Sol é o máis importante para a nosa vida: sen el, non existiriamos. Nesta estación, o sol queima máis e xa empezamos a cambiar de cor; ás veces, cando chove, refrescámonos un pouquiño. Que ben estamos entón!

No outono vai menos calor e estamos máis fresquiñas. Nesta época xa somos algo velliñas e sabemos que queda pouco tempo para morrer. A nosa cor mudou: marrón, vermella, laranxa e amarela. Agora o vento é máis forte e chove bastante; como somos máis velliñas e temos menos forza dóenos todo o corpo e gastamos moita enerxía para non caer. Algunhas non o conseguen e caen ao chan.

Dende o alto da árbore vemos as nosas irmás caídas e tamén outras compañeiras doutras árbores.

Agora tócame despedirme das miñas irmás: vai moito vento, non resisto máis, estou feble, non podo máis… Outro día chegarán outras amigas miñas. Non temos que estar tristes!! Adeus a todos e todas!!!

Luís Trabazo Rey
CEIP A Laxe [Marín]

O país das palabras / Caduca
Comentarios