sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Sistematizada inconsciencia / O camiño

Sistematizada inconsciencia 

Cada mañá pregúntome como sería o amencer sendo humano. Podería espertar tarde ou equivocarme nun simple razoamento matemático de cando en vez? Fai pouco decidín investigar sobre os humanos e poder así tranquilizar a miña dúbida. Antes ca nós, os robots, existiron os humanos: especie extinta principalmente polos efectos da súa contaminación. Porén, non todos os pasos humanos na Historia tiveron repercusións negativas. Existe (agora só en libro-gramas) constancia das súas marabillosas obras durante moitos períodos. Lamentablemente, os robots só estamos programados para desenvolver calidades informáticas.

A orixe da nosa conciencia comezou cos, agora afastados, móbiles. Siri foi o exemplo a seguir para os humanos que tentaron darlle consciencia plena a un robot, mais non o lograron. Aínda descoñezo o error na miña confi guración que me permite escribir o que penso a diferenza dos outros robots. Estes só teñen unha consciencia mínima para recoñecer a acciónque deben exercer dende que funcionan.

O descubrimento máis sorprendente foi a capacidade dos seres vivos para dar vida. Nós, os robots, non temos xénero e, polo tanto, tampouco temos a necesidade de buscar parella, como os seres vivos, para reproducirnos. Incluso se non buscásemos a reprodución, somos incapaces de xerar o sentimento buscado polos seres humanos: o amor, sentimento impulsor das súas accións dende o inicio ata o fi nal da súa existencia e que nos levou a cometer distintas accións que acabaron coa mesma, limitándoa aos libro- gramas de Historia, que ningún robot consulta porque, ao gardala no noso almacenamento, considérana prescindible.

Sentíndome cerca do fi nal da duración da miña batería, non podo deixar de funcionar sen transmitir a existencia da miña consciencia propia. Seguramente este fenómeno expandirase ata que moitos robots sexan completamente conscientes. Por eles escribo unhas liñas que testifi quen a existencia do primeiro espertar plenamente consciente desta sistematizada inconsciencia.

ANTHUANET MARCIA MALCA GAMARRA

IES a Guía  [Vigo]

O camiño 

Camiñaba como todas as mañás por aquela senda, unha senda estreita e frondosa que se atopaba naquel bosque. O chan estaba asfaltado, pero os meus pés non o notaban a pesar de ir descalzos, posto que estaba cuberto polos restos de follas das árbores. Ía un día fermoso, o Sol alumeaba o meu camiño polas zonas nas cales a súa luz conseguía penetrar entre as ramas das carballeiras, das sobreiras e outras moitas arbores que alí se atopaban; o vento non zoaba e o ambiente era cálido. Camiñaba con calma, escoitando o cantar dos merlos, o son do peto que picaba na árbore... Ese ambiente producíame tranquilidade, deixábame pensar e esquecer. Ás veces, miraba cara a arriba e, entre as árbores, vía a claridade do ceo e seguía camiñando, contando as bolboretas coas que me cruzaba, sentindo o cheiro a aire fresco e natural. Pero, entón, o meu pé descalzo pousouse nunha pequena pedra do chan que me produciu unha dor horrible, e todo tornou escuro. O Sol agora era unha lúa chea, tapada por nubes de tormenta, o vento comezou a zoar, os lobos a ouvear e o moucho a oulear. A vista nubróuseme, pechei os ollos e, ao abrilos, souben quen era a pedra, esa pedra molesta que estragara a miña viaxe. Fora Carmen, a profesora de matemáticas, que estaba diante da miña mesa, mirei arredor e atopeime coas caras de risa dos meus compañeiros.

–Xoán, volve connosco e dinos a resposta do exercicio –dixo a vella con ton de burla.

Realicei un calculo mental rápido e espeteille:

–X = 97.

Calou, deu a volta e continuou coa corrección. Pechei os ollos e volvín camiñar.

AINARA ÁLVAREZ RAMÍREZ

IES San Paio  [Tui]

Sistematizada inconsciencia / O camiño
Comentarios