Opinión

Superseguros / A verdadeira realidade

Superseguros

Joe Kirby rematou de dar a súa charla informativa sobre todas as vantaxes e servizos da súa axencia de seguros a aquela parella de mozos que acababa de chegar á gran metrópole.

–Non imos firmar nada –afirmou tallante o cabeza de familia.

–Acaso non se preocupa pola seguridade da súa muller e da súa filla que acaba de nacer?

–Por iso mesmo decidimos mudarnos a esta cidade. Os superheroes protexerannos.

–E quen vos protexera deles? –Joe agardou un momento a que os Johnson asimilasen aquela pregunta–. Acaso non sabe o destrutivos que poden chegar a ser os seus poderes e habilidades? Os superheroes non renden contas a ninguén cando se trata de atrapar os supercriminais. Cre que Supermenganito os axudará a reconstruír a súa casa cando loite contra o Doutor Malvado de quenda? A miña axencia especialízase nestes casos.

Os Johnson aínda se mantiñan á defensiva, pero Joe non tivo que agardar moito para que chegase a demostración en vivo e en directo das súas palabras.

Un estrondo fixo que a señora Johnson acudise de inmediato ao berce do bebé que xa comezaba a berrar. Mr. Johnson acercouse á ventá en busca de respostas. Contemplou como a fachada do edificio de enfronte estaba a se esborrallar a causa dun daqueles superenfrontamentos que tanto lles gustaba ver cando os retransmitían os telexornais na seguridade do seu salón a quilómetros de distancia.

Aos cinco minutos, os Johnson xa estaban asegurados a todo risco grazas a Seguros Excelsior, cuxo lema é "Non necesitamos superpoderes para protexelo a vostede e á súa familia".

RUBÉN GIRÁLDEZ GONZÁLEZ
IES Santa Irene [Vigo]


A verdadeira realidade

Chovía como nunca. As pingas de auga chocaban contra a miña ventá. Ignorando as molestias, eu seguía alí A bela adormecida, no Gran Teatro Salesianos de Vigo. Inconscientemente fixara a miña memoria naquel abrir e pechar da plaqueta; a directora estábame a pór nervioso. Cada vez que daba unha zancada no parqué, os obxectivos das cámaras apuntaban descaradamente cara a min sen parar de gravar. Chegou tal momento que me sentín agoniado; sentinme o centro do universo, todos os telespectadores estaban pendentes das miñas queixas, das miñas bágoas, incluso dos meus bocexos. A situación era tan extrema que ata apareceu alí a miña cama, o meu armario, a miña moza..., ademais das persoas máis importantes da miña vida, que entraban en acción en certos momentos coa finalidade de complementar a miña figura. Non podía crer o que estaba pasando polo meu cerebro, aquilo si que era ficción.

Empecei a falar cos meus amigos, pero decateime de que os seus xestos eran moi marcados. Tras minutos e minutos de espera polas súas respostas, vin que os seus beizos non se movían. Neste período de tempo puiden mirar ata con lupa os grans do corpo de cada un.

Finalmente encontrei uns fíos vendo cara á Lúa. Ao principio non lle dei moita importancia, confundíraos co pelo, pero tras observar por segunda vez vin que todos os meus compañeiros semellaban uns macacos, que a directora da miña obra era un Playmobil, a plaqueta que ela sostiña era a barreira da autoestrada e... Aggg!

–Perdón, caeume un cadro mentres limpaba. En que estabas pensando? –dixo meu pai.

–Nada importante, só vin un reflexo da realidade. Eu son o protagonista da miña vida, son o director do meu futuro e... Papá, ti es un macaco? 

GUSTAVO LÓPEZ LEYENDA 
IES 1º Marzo [Baiona]

Comentarios