Opinión

Vilanoite / Estar en babia

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

Vilanoite

Das tebras da noite xurdiu unha voraz besta negra e dirixiuse á cidade de Vilanoite…

É de día en Vilanoite, mais que allea me resulta esta neboenta luz! Hoxe durmín mal. Soñei que ía de camiño ao colexio e, ao dobrar unha esquina, un monstro devorábame.

Chegaba tarde, así que tiven que ir a toda présa, asfi xiado polo tránsito de coches, fume, ruído, xente... Outra vez a cidade a engulirme. Aí estaba o final da rúa e… o recanto do soño! A vista anubróuseme e ao xirar vin algo que nunca esquecerei. Nunha milésima distinguín unha besta horripilante atravesándoseme e despois… desmaieime.

Cando espertei, estaba apreixado cun traxe de forza nunha reducida cova chea de restos humanos. Mais o nauseabundo cheiro era o habitual de Vilanoite… Busquei o chaveiro no peto e conseguín furar a tea coas chaves e saír. Gritei, e o eco das cotrosas paredes devolveume as miñas palabras: "Axudaaa!", pero semellaban moitas voces á vez. Ás apalpadelas dirixinme a onde cría que procedía o último son que escoitara. Cheguei a outra galería onde unha multitude de cidadáns de Vilanoite, encadeados, gritaban estarrecidos de pánico. Busquei por se vía os meus pais pero non os atopei, acordeime de que dixeran algo de volver á aldea… cando un ouveo inhumano resoou por riba do clamor xeral. Dei a volta e onde antes residía unha persoa estaba o seu cadáver. Espavorecido, tentei correr, pero da nada apareceu a besta, xa familiar. Volveuse todo negro. Supuxen que morrera, pero seguía tendo pensamento.

Lembrei esa mañá cando saíra á rúa, a sensación rara de non pertencer a ese sitio. O peor é que sigo preso neste pesadelo, coma os demais, e xa non sei espertar. Confío en que meus pais me veñan buscar e me leven de volta á aldea!

Lois Sanmartín Valiño
CEIP Plurilingüe Froebel [Pontevedra]


Estar en babia

De repente estaba camiñando polo deserto. A medida que avanzaba, aumentaban os arbustos e todo tipo de vexetación ata que aparecín nun bosque. Mirei cara a arriba e voaba un falcón, ao lonxe apareceron uns indios e, de súpeto, o ceo cubriuse e houbo unha gran tormenta. Os indios desapareceron e a tormenta parou. Mentres camiñaba encontrei unha cabana vella, estaba moi rota. Tentei entrar e a porta caeu cara ao interior. Non había ninguén, só paxaros. Andei a remexer pero non atopei nada, soamente un libro vello, mollado pola chuvia que non se podía ler.

Comecei a ter fame. Saín fóra para ver se atopaba algo de comer, e nunhas palmeiras había cocos pero estaban podres. Cando menos o esperaba, o bosque comezou a arder.

Corrín e cheguei a Cidade Abandonada, pero, claro..., non había ninguén, soamente algúns animais. Camiñei entre os edifi cios rotos ata un edificio que parecía intacto. Estaba cheo de cousas de ofi cina como ordenadores e papeis. Mirei por unha ventá e, no mar, había un barco enorme. Fun alí a investigar pero tampouco había ninguén. Estaba perdido defi nitivamente.

Ao lonxe, víase unha gran columna de fume que proviña do bosque que ardía.

Chegaba a noite e estaba moi canso así que busquei un sitio para durmir.

E foi entón cando me chamou a miña nai para ir cear. Así que recollín os xoguetes.

Marcos Silva Rodríguez
CEIP Manuel Rodríguez Sinde [A Guarda]

Comentarios