Opinión

Xan, punto e áparte / Unha historia inesperada

Xan, punto e á parte

Xan era un punto moi traveso e, no texto, metíase con todos: as comas, os guións, os puntos suspensivos... Xan era punto e á parte. Xan tiña a manía de poñerse primeiro e por iso sempre o castigaban.

Un día, chamaron á súa nai, a señora Coma, porque Xan pelexara cunha exclamación por un bocadillo cheo de diálogos. Empurráraa con tal forza que todas as palabras que ían a continuación se queixaron cun "Ai" que, claro,non tiña exclamación porque fora parar á marxe da folla.

Xan, o punto, comportábase así porque non lle gustaban os libros de literatura. El quería cómics de acción "porque son máis épicos".

A señora Coma púxoo (como era un punto) sobre un i, fechouno entre dúas parénteses no seu parágrafo e non o deixou xogar durante todo un mes cos seus amigos, os signos de interrogación, cos que xogaba a bambearse nas súas curvas.

Aínda que á señora Coma lle daba mágoa que non xogase, ela sabía que tiña que aprender a lección: porque un punto que non sabe convivir con outros signos, logo, non vai saber onde poñerse cando o chamen para facer unha estrofa poética. Os puntos necesitan literatura.

Pasou o tempo do castigo, e a señora Coma deixouno volver ao libro, e axiña empezou a molestar. Xan, como de costume, sempre quería ir de primeiro na fileira, mais é ben sabido que un punto nunca vai ao principio.A señora Pluma, a directora daquela banda de palabras, non tivo outra que poñelo á liña: mandouno ao fondo da ringleira, e así foi como rematou esta historia puntual, con Xan como punto e final.

Juan José Gil Zambrano
[Gañador na categoría de Primaria]
CEP Sequelo [Marín]


Unha historia inesperada

Estou na habitación de Irene, teño 2 anos e nacín en Porto Rico. Antes de chegar, estiven con moitos irmáns de diferentes alturas, anchuras, cores… e para diferentes persoas. Cheguei a España nun avión a uns días de nacer. Ese día foi marabilloso, había moita xente, periodistas e cámaras de televisión.

Na miña casa todos me queren moito: aínda que lles provoco desgustos, tristezas, choremias, alegrías…, son o favorito porque se emocionan comigo. Aínda que debo dicir que me agonían bastante, porque, ás veces, queren que esteas con todos e iso é imposible. Entón penso que me van romper. E, cando se enfadan comigo, sobre todo Irene, que é con quen máis estou, empezan a empurrarme e a golpearme contra a mesa, pero, no fondo, ninguén me quere facer mal.

Aínda que Irene pense que non a vexo, iso non é certo. De feito, cando entra na habitación despois de comer chocolate, co bico todo manchado,non paro de rir, aínda que sei o que me espera.

O que menos me gusta é cando veñen xunto de min coas mans sucias e molladas: ponme do fígado!!! aínda que non teña; porque eu son "antiauga", e, se non me gusta estar sucia, cres que quero estar mollado?

Un día, estaba tirada no parqué do salón cando chamaron á porta. Abren, e vexo o avó de Irene cun paquete que poñía "para Irene", e eu pregunteime que sería. Total, que Irene o abriu e sacou del un libro que levaba meses querendo, e pregunteille:

–Que fas aquí?

–Veño a intercambiarme: agora eu serei o seu libro favorito.

Quedei mudo da sorpresa. Entón, Irene cansou de min e botoume ao lixo, como aos seus libros antigos.

–Nunca sería como antes!!!

Agora, estou no vertedoiro, esperando a saber que será de min.

Paula González Domínguez
[Finalista destacada na categoría de Primaria]
CEIP Plurilingüe Antonio Palacios [O Porriño]