viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

Xogar en equipo / Amiga invisible

Xogar en equipo

Un día no que o Sol iluminaba o meu sorriso, os meus compañeiros do Maxestoso Reino Negro alertáronme de que comezaría un duro combate contra os brancos. Os meus amigos e mais eu preguntámoslle ao rei:

–Maxestade, que pasa?

–Ai, meus soldados! Ocorreu unha desgraza. Coma sempre, os brancos atácannos e temos que preparármonos.

–Ídevos colocando nos vosos postos!

Todo o reino estaba intranquilo, agardando o ataque, e cada cal colocado no seu lugar.

–Onde cres que nos enviarán? –pregúntalle o meu mellor amigo ao peón 8.

–Non sei, mais esta batalla será cruel e teño medo...

–Tranquilo, conseguirémolo –di o peón 2.

–Pois... non sei eu, esta batalla será máis dura ca o taboleiro de madeira no que pelexaremos –aclara o peón 5.

De súpeto, atácannos os que sempre comezan. Unha torre ordénanos defendernos.

–Corre! Veñen dous peóns e un cabalo! –berra o peón 8.

Esta carreira foi a máis rápida da miña vida, pero non tivo mérito xa que o inimigo nos rodeou.

Pensei que ese momento sería o último e o máis triste da miña vida, porque iamos ser expulsados da partida, ata que o peón 8 me axudou a escapar.

Eliminamos os dous peóns brancos nun amén, mais, desgraciadamente, o cabalo expulsou dous dos nosos amigos. Nós escapamos por sorte!

Aos pouquiños, o meu amigo e mais eu eliminamos un alfil e varios peóns. Chegamos ao final do campo e, grazas a iso, convertémonos en raíñas, que é o que acontece neste xogo cando chegas á meta.

Ao final, gañamos e marchamos deste reino en busca doutro taboleiro de xadrez, porque nos abandonaron e sobrevivimos de milagre. Lamentablemente, isto é o que acontece coas batallas dos humanos: que os xefes nunca sacrifican a raíña por nós, OS PEÓNS.

Luca Lorenzo Pérez
[Finalista destacado na categoría de Primaria]
CEIP Altamar [Vigo]


Amiga invisible

Era un día caloroso do mes de agosto cando estaba paseando pola rúa cos meus pais e o meu irmán. Decidimos ir ao parque a xogar un pouco. Pasei o día alí, divertíndome co meu irmán Manuel mentres que os meus pais estaban sentados nun banco.

De súpeto, apareceu, coma todos os anos polo verán.

Seguía de cor escura, coma sempre, pero un pouco máis grande. É igualiña a min: a mesma melena, a mesma gordura…! Temos os mesmos gustos, facemos o mesmo: xogar na praia e no parque, facer ximnasia… Pero ela é un pouco tímida, ás veces sae e outras veces permanece escondida como fai sempre no inverno.

Non lle gusta falar porque non quere que ninguén a escoite, pero non te preocupes que xa o fago eu por ti. É unha boa amiga. A mellor que teño cando chegan as vacacións de fin de curso porque sempre xogamos xuntas ao que quero eu.

Hoxe estou moi contenta porque descubrín que o meu irmán tamén ten un amigo invisible coma min. É pequeno e delgado, e é moi divertido coma el. Pasamos o resto da tarde xogando os catro xuntos.

Cando chegou a noite, perdina de vista. Á mañá seguinte busqueina e busqueina, pero non a atopei por ningún lado. Entón fun ver o calendario. Mi madriña, xa era outono!!!!

Intentei despedirme dela, pero xa era demasiado tarde, xa marchara. Púxenme moi triste porque ela xa non estaba, pero deime conta de que a miña amiga non se fora para sempre senón ata o verán seguinte. Ata pronto, sombra!!!!

María Moldes Entenza
[Finalista destacado na categoría de Primaria]
CEIP O Carballal [Marín]

Xogar en equipo / Amiga invisible