Opinión

A forza da sociedade civil

A CORUÑA acollerá, entre os vindeiros días 21 e 28 de novembro, a primeira edición da Mobile Week que se desenvolva fóra de Barcelona. A traslación aos usuarios (empresas e consumidores) do grande Mobile Congress que se desenvolve para os profesionais do sector en Barcelona e que constitúe o principal evento  empresarial de Catalunya. Foi un operador senlleiro da nosa sociedade civil, o Club Financeiro Atlántico, o que acadou o consenso do Concello coruñés (gobernado pola Marea Atlántica) a Deputación da Coruña rexida por un goberno bipartito PSdeG-BNG apoiado pola coruñesa Marea Atlantica, a oleirense Alternativa dos Veciños e Compostela Aberta) e a  Xunta de Galicia gobernada polo PP. A Deputación contribúe a ubicar eventos desta semana nos concellos da área urbana, mentres que a achega  autonómica trae á capital de Galicia algúns dos seus contidos. Desta xeira podemos quitar importantes ensinanzas. Unha sociedade civil forte é quen de superar os atrancos dos enfrontamentos políticos e facer remar ás institucións todas na mesma dirección. Traballar para gañarmos todos, “win to win”, como se fixo nesta andaina, habería ser a norma, no canto de fomentarmos estériles divisións e loitas. Nas ensinanzas institucionais viuse como hai alcaldes como o coruñés Xulio Ferreiro que saben mirar pola súa cidade en clave de promoción económica e posicionamento no mapa europeo, mentres o alcalde vigués olla cara o embigo dos seus nove millóns de leds do alumeado de Nadal. Sen o Concello coruñés non habería Mobile Week Coruña.

Cómpre salientar tamén como os eixos atlántico e mediterráneo son quen de  acadar sinerxias tan importantes sen pasar por Madrid. Velaí o pulo das estruturas descentralizadas, en rede, fronte ás vellas e caducas estruturas centralistas cun cerebro único que todo o sabe e todo o entende.

Mais o traballo do CFA e do seu presidente, Mariano Gómez Ulla, foi máis aló, ao acadar do Mobile Capital a organización deste evento para todo o arco atlántico entre Bilbao e Porto e saber trascender o evento ao resto da área urbana coruñesa e do noso país, Galicia. Porque o futuro económico do noso país pasa por aproveitarmos de ser a confluencia entre os vectores atlántico e cantábrico, como grande “hub” entre os grandes portos europeos e americanos. Pasa por deixar de sermos periferia. 

Comentarios