O Salnés

Máis de 3.000 persoas volven manifestarse no Grove pola continuidade de Thenaisie Provote

Puntuais coma un reloxo, máis de 3.000 veciños e veciñas do Grove volveron saír este domingo á rúa para mostrar apoio á situación de incertidume na que se atopan os traballadores e traballadoras da conserveira Thenaisie Provote.

A manifestación, convocada con anterioridade co ánimo de que esta causa non caia en saco roto, tivo unha repercusión similar á anterior, que se celebrou o pasado 28 de xuño, se ben foron algúns menos os asistentes debido ao comezo da tempada alta de turismo no municipio e ás obrigas laborais que conleva.

A diferenza desta primeira convocatoria, que percorreu a distancia que separa a conserveira do Concello de O Grove, a manifestación de onte, a segunda convocada polo comité de empresa, tivo como punto de saída e lugar de finalización o Concello.

A marcha decorreu dende o punto de saída, pola rúa principal do Grove, ata a ponte da Toxa, con baixada polo paseo de beiramar ata o propio Concello, onde unha membro do comité de empresa e a propia presidenta do comité leron os comunicados.

Vídeo: GONZALO GARCÍA

Comentarios