Pontevedra

Da Silva homenaxea a Castelao e Bóveda cun acto no Museo

"Bóveda non era mestre. Foi o mestre de Castelao", lembrou o ilustrador Kiko da Silva este venres ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo no transcurso dun acto cidadán de protesta que tivo lugar no Museo de Pontevedra para reivindicar o "verdadeiro significado" do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre (1945). 

Da Silva estivo arroupado por diferentes representantes do mundo da cultura, ademais de políticos como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o deputado socialista Guillermo Meijón ou o parlamentario do BNG, Luís Bará. 

Na Sala Castelao do Museo de Pontevedra, fronte ao debuxo previo orixinal, e mentres a poetisa Tamara Andrés daba lectura a un poema de Celso Emilio Ferreiro, Kiko da Silva tomou os seus pinceis e fixo unha versión en directo desta obra de Castelao para lembrar que "quen está aí é Alexandre Bóveda" e o cadro é unha homenaxe aos mestres asasinados pola represión franquista. 

"Bóveda non era mestre. Foi o mestre de Castelao, pero non era a súa profesión", dixo en resposta ao controvertido discurso de Núñez Feijóo sobre o cadro no que evitou facer referencias expresas ao fascismo, ao significado desta obra e a Alexandre Bóveda. 

Da Silva criticaba, ademais, que haxa cousas nesta realidade galega de Castelao que é mellor "maquillar" no século XXI en referencia ao presidente do goberno galego ao que lle lembrou que Castelao e Alexandre Bóveda quixeron que perdurase a "galeguidade". 

Ademais quixo destacar a figura de Alexandre Bóveda sentenciando que se non fose fusilado polos falanxistas, hoxe estarían na fala da xente os políticos. "Como morreu asasinado escóndeselle. Paréceme unha vergoña que políticos que lle poñen flores cando teñen unha obra diante falen coma se nunca existise". Finalmente, entre aplausos, indicou que "Bóveda está vivo en todos nós".

VÍDEO DE GONZALO GARCÍA

Comentarios