Opinión

Estente tranquiliño, pídocho por favor

Para a boa xestión e a eficacia en case tódalas ordes da vida cómpre que un grupo reducido, elexido o máis democráticamente posible e altamente especializado, tome as decisións do día a día polas que se rixe a globalidade. Que ese pequeno grupo actúe sempre na procura do interese xeral, que tome decisións beneficiosas e útiles para a colectividade e que a boa fé presida o seu labor é garantía de éxito asegurado. Se, por contra, se impoñen medidas arbitrarias, escasamente xustificadas ou directamente absurdas o resultado é o caos e o malestar xeralizado.

Por exemplo, os gobernos dos países escandinavos serían un bo modelo do primeiro. Pero, por desgraza, a Real Academia Galega é un exemplo do segundo. Explícome.

Lembran palabras como "pelegrín", "ciumes" ou "plantexar"? Pois xa non existen. Anda que non deron lugar a polémicas e chistes. E, total, para acabar no caldeiro do lixo.

Máis casos. Agora os responsables do noso idioma -que máis ben actúan como propietarios- entraron en fase supresora. Como Erdogan. Suprimiron a preposición "a" díante ou contraída co artigo, suprimiron expresións como "teño estado ata o carallo..." porque ese "teño estado" que todo o mundo usa sona a tempo composto.

Unha agresión que nos toca no peto é a eliminación da palabra "trazabilidade", tan ligada á produción de alimentos. Existe o verbo "trazar" pero non trazabilidade. Se queres etiquetar en galego o teu produto, esquece ese concepto. Agora é "rastrexabilidade". Noraboa ás poucas empresas que elaboran alimentos nesta comarca… e á empresa Rastreator. Cada vez máis, os galegofalantes sentimos que temos as mans atadas para usar a nosa língua. Pero non que estamos maniatados, porque esa verba tamén a quitaron. Ata nin chantadinos nos deixan ser, como sempre fomos. Agora dise chantadeses.

Poderiamos encher centos de follas enumerando as decisións dos lingüistas que fan máis dano que favor ó idioma. E os lingüistas poderían encher outras tantas argumentando científicamente as súas decisións. E non habería acordo.

Por eso, o que cabe reclamar é que non se adopten da noite para a mañá medidas que alteran gravemente a gramática oficial. Que se dean prazos de convivencia das formas suprimidas e das novas (e comprobar así cal é máis aceptada). Que se dea a suficiente publicidade ás innovacións e que se expliquen con rigor e de xeito convincente. Galicia somos nós, a xente e máis a fala, decía Manuel María. Pois constrúamos o idioma entre todos e non en base a criterios pouco explicados dunha minoría selecta que máis actúa como policía que como coidadora.

Así, se ven que un lingüista fica calado e en actitude reflexiva, díganlle a frase do Billy, o grande filósofo chantadino: "Estente tranquiliño, pídocho por favor".

Comentarios