Opinión

FEIJÓO: 'Galicia, país de afectos'

COMO  PRESIDENTE  da Xunta, podería enumerar milleiros de razóns e de exemplos que me fan sentir orgulloso da terra que teño a honra de representar. Galicia é excepcional por moitos motivos que se poderían destacar neste 25 de xullo. Pola súa historia, rica en cultura e en singularidade grazas a todas as mulleres e homes que foron quen de preservala. Polo seu presente, no que está sendo posible deixar atrás a peor crise da nosa historia e comezar unha nova etapa de recuperación. Polos seus principios maioritarios, sempre fieis á liberdade, ao galeguismo e á xustiza social.

Estas e outras son motivacións dabondo para celebrar que Galicia siga en pé, mais vanme permitir que aproveite esta oportunidade para poñer de manifesto unha sobre todas elas. Galicia é un país de afectos, unido entre si, unido ao mundo e unido nas dificultades, como se comprobou hai tres anos tras o tráxico accidente ferroviario en Santiago e cuxas vítimas seguen moi presentes na nosa memoria.

Quero  salientalo  porque  ese comportamento maioritario da nosa xente é un dos nosos mellores trazos como país. Sentimos, loitamos, soñamos crendo que é posible lograr cada meta sen ir contra ninguén, avanzando todos xuntos.

Na miña opinión, un dos nosos grandes acertos, e tamén das nosas grandes fortalezas, é ser conscientes de que unha comunidade non é máis nin menos nacionalidade
histórica polo grao de mobilización patriótica dos seus cidadáns. Pensar que o patriotismo consiste nunha exhibición permanente e non no cumprimento tenaz do deber de cada un, entre o que está ser solidario cos que están en peor situación, faríanos retroceder a épocas pasadas e peores.

Quero, por iso, aproveitar este 25 de xullo para felicitar os galegos por ser como son, e non só polo que iso beneficia o noso día a día a nivel interno, senón tamén porque é un exemplo para o resto de España, de Europa e do mundo do que podemos sentirnos moi satisfeitos.

Precisamente nestes momentos difíciles para o proxecto europeo, cómpre lembrar que Europa empezou sendo unha comunidade afectiva, unida por crenzas e devocións que remiten a diferentes lugares do vello continente, pero en especial a Compostela. Antes de que se forxase unha converxencia económica e política na primitiva Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro, houbo unha síntese humana no Camiño. Europa nace cos europeos camiñando xuntos cara a un destino chamado Galicia.

O ser europeo é un compendio de ideas asociadas a cidades. Atenas achega o xerme da democracia moderna; Roma, o dereito, as institucións e sobre todo o cristianismo; Florencia achega o gusto pola cultura; París será o berce da contestación contra réximes caducos; Londres, o escenario do parlamentarismo e a revolución industrial. Nese catálogo de lugares pioneiros da identidade europea, a Compostela, e con ela a toda Galicia, correspóndelle o gran mérito de contribuír cunha achega espiritual, pero non por iso menos real.

Cómpre lembralo hoxe, cando acontecementos recentes cobren de incertezas a construción, sempre inacabada, de Europa. Non somos os galegos un país grande en tamaño, pero si cunha admirable capacidade de participar en grandes proxectos colectivos. Somos un pobo que suma e nunca resta, que inclúe e non exclúe, que asocia e non disocia. O desexo de ruptura non encaixa na nosa forma de ser e, por iso, quen o promove non representa o sentir maioritario da nosa xente. Entendemos que a fortaleza dunha sociedade está unida ás redes que establece cos veciños, non ás hostilidades que acumula.

Velaí o fundamento do noso europeísmo. Ademais dos beneficios que para Galicia ten a presenza na Unión Europea, sentimos que galeguidade e europeidade están estreitamente unidas polo afán de incluír e combinar identidades. Os galegos sabemos que o sentido de pertenza non ten por que tender a un anacrónico illacionismo. Non medimos o compromiso coa terra polo rexeitamento ao noso contorno, senón precisamente pola nosa tendencia a relacionarnos con el.

Como diciamos, o noso Apóstolo libra novas batallas no campo das ideas. Tras ter recibido millóns de apertas de xentes diversas no seu altar catedralicio, sabe que existen nos homes e mulleres de todo mundo nobres sentimentos comúns que é preciso alentar constantemente. Coa súa biografía de refuxiado e como galego que é, non poderá entender a xenofobia que aniña nalgunhas actitudes. Como europeo que contemplou a transformación da Europa entendida como soar de guerras constantes nun espazo de convivencia, seguro que protexe co seu padroado os que teiman por preservar a Unión Europea.

Esa preservación, ameazada polo populismo de todos os signos, ten que facer fincapé nos afectos e non soamente nos intereses. A campaña de apertas entre europeos que algúns partidarios británicos da permanencia despregaron nos días anteriores ao referendo foi tardía pero, mais alá da súa aparente inxenuidade, posúe un forte significado. Os lazos que nos unen teñen que desembocar nun patriotismo europeo no que as emocións teñan un papel importante.

Foi así como construímos esta comunidade de afectos que chamamos Galicia. A nacionalidade que somos non é consecuencia dun mero interese. Os galegos non somos meramente socios nunha empresa, senón irmáns nun país que cada 25 de xullo unen os seus sentimentos na súa casa común.

Parabéns a todos no Día de Galicia.

Comentarios