Opinión

Materia pendente

SUMIDAS ESTES días entre mareas, maiorías absolutas e pactos imposibles, as cidades galegas seguen a arrastrar unha materia pendente na súa particular reválida: a humanización dos espazos urbanos. Unha medida presente e anunciada aos catro ventos nos programas electorais de todos os partidos, sexa cal sexa a súa cor, pero que ata agora non foi executada coa valentía suficiente para mitigar un problema conxénito dos ensanches galegos. Agás en Pontevedra, cun urbanismo sostible que vén de acadar varios premios internacionais, no resto de cidades impera a desidia. E o motivo é simple: limitar o tráfico rodado ou suprimir prazas de aparcamento son medidas impopulares e que conlevan o risco de perder votos. A miúdo despertan as iras dun sector de cidadáns, entre os que case sempre se atopan os comerciantes. Se non que llo pregunten a Martiño Noriega en Santiago ou a Rafa Cuíña en Lalín, cando aínda non accederon ao goberno. O certo é que descoñezo ata que punto a peonalización pode prexudicar os negocios, algo tamén cuestionable. Pero do que non hai dúbida é que a habitabilidade, a beleza ou o acolledor das nosas cidades non se poden cuantificar en cifras e son motivos importantes dabondo para sacarse de enriba, dunha vez por todas, esta materia pendente. 

Comentarios