Opinión

Desigual

NUNCA É igual e todo se move aínda que nós non notemos as constantes inclinacións. Isto non é nada malo, xa que a transición vai da man da evolución. Vivir sen mudanzas transcendentes é vivir maiormente interfecto. Algo disto acontece agora: dende que a crise apareceu hai xa un lustro, a falta de cambios para mellor fixo -e aínda fai- que unha amplísima maioría de cidadáns sobrevivan en condicións de apatía e/ou desespero mental (as masas humanas máis perigosas son aquelas en cuxas veas foi inxectado o veleno do medo.... do medo ao cambio). Malia todo e ao interese duns poucos predilectos que viven lonxe da realidades, o cambio sucederá, para mellor ou para peor, non estou aínda posicionado ante isto, pero non me cabe a menor dúbida de que acabará chegando.

Diso trata a verdadeira evolución ou involución do ser humano: «Se te escondes de ti, o máis probable é que cando te encontres, te sorprendas. E o peor será que demais che coñecerán mellor ca ti a ti mesmo», acláranos A. Salamanca. Esta afirmación poderiamos levala ao máis profundo do noso ser e así dar conta de que o cambio, o maior cambio imaxinado polos nosos cerebros atordados de desesperanza, comeza en nós mesmos.

A resposta é simple: un só ser humano pode influír totalmente en todo o que lle rodea, para ben ou para mal, isto é incuestionable. Talvez por iso a algúns gobernantes lles interese vernos adormecidos, escépticos ante o futuro. Puideramos dicir que ao poder lle interesa que non sexamos conscientes do noso potencial, interésalle que non critiquemos os seus movementos, as súas actitudes, o seu xeito de adoutrinarnos para converternos en años que non ven máis alá do pasto que se lle outorga, pasto que serve para que permanezamos en silencio e fieis aos líderes que tan mal xestionan as actuais dificultades. Pero nunca é igual, xa que todo xira, todo está en constante movemento. Non o dubiden. Aínda que a cidadanía permanecese en silencio durante longo tempo, isto non significa que ese silencio non se acabe transformando nunha especie de revolución que require xustiza exacerbada, sen complexos.

O poder -o fundamental- reside nun mesmo, nos actos máis pequenos e cotiáns, no que non se di e no que non se pode ver doadamente. O ser humano posúe máis virtudes ca taras, e talvez algunha destas taras que se foron instalando no noso interior con suma forza estén presentes en nós grazas á tomadura de pelo dun puñado de gobernantes os que non lles importou levarnos a padecer e permanecer nun estado de crise moral e financeira feita a imaxe e semellanza da máis penosa das ineptitudes.

Comentarios