Opinión

Inferno

O novo poemario de Targus chámase 'Inferno' e nace da necesidade de resistir, de mandar nun mesmo e de evolucionar entre tanto "borrego" de garganta amlolente e barriga agradecida


A CERTA idade un desexa morrer (co tempo consegue tal propósito grazas ao desgaste da natureza e o tempo). Ás veces a poesía é unha escapatoria ante esta traxedia, é un xeito moi loable de ir tirando cara a adiante cal guerreiro que se sabe consciente da realidade que lle criba a base de inxustizas.

O sentimento —a vida— non entende de treguas, do mesmo xeito que a sinfonía dos versos non entende de falsedades nin de promesas por cumprir. Poderíase dicir que o poeta, o que o é en realidade e sen fisuras, nace, crece, séntese incómodo no mundo, poetiza e falece elegantemente, cuspíndolle ás normas establecidas por persoas que nin sequera coñece.

O caso é que primeiro Targus foi Daniel. Anos despois o pseudónimo posuíu ao individuo, ata convertelo en poeta. O novo poemario de Targus chámase Inferno e nace da necesidade de resistir, de mandar nun mesmo e de evolucionar entre tanto "borrego" de garganta malolente e barriga agradecida. Son os poemas de Targus o queixido constante ante unha sociedade sucia, podrecida e chea de falsedade (nada novo baixo o sol…).

A anarquía do poeta rexorde con forza en cada paso, en cada verso, ata aclararnos que el síntese vivo e que non está de acordo co sistema establecido a base de inxustificadas normas. O inferno somos nós mesmos en cada paso, e a soidade que habita en cada un de nós fai que ese inferno aliméntese e cómanos desde dentro. Sacalo fóra supón versificar, vivir intensamente, resistir e recoñecer o que en realidade somos, sen dobleces.

Targus mostra o que é neste poemario que verá a luz no presente mes de Outubro, e non se avergoña á hora de facelo, ao contrario, móstrase orgulloso e encantado de dicir quen é e como se sente. Trasgresor e punk, home que non encaixa na sociedade, poeta con chapeu anárquico e emblemas dun tempo que xa non é… Os poemas medran, reprodúcense na túa mente e (endexamáis) morren.

O sentir non desaparece, por moito que algúns energúmenos afeitos ao realismo opinen o contrario. Inferno e Targus son un mesmo corpo, son un ente único que balancea o artificio de todos os días para convertelo nunha narración digna de ser escoitada, lida e sentida. Outra cousa é que vostede, benquerido lector, desexe continuar residindo na falsedade de todos os días, nesa realidade que nin sequera se fixa no fundamental. Se é así, mellor será que non busque este poemario, estes versos escritos pola man ceibe dun home que loita por ser libre.

Comentarios