Opinión

Ás vacas matámolas todos

DICÍA A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, ao fío das vacas que apareceron mortas nunha explotación de Axulfe, na parroquia chantadina de San Pedro de Viana, que se trataba dun caso «aillado» que nada tiña que ver coa crise do sector lácteo.

Pero a realidade é tozuda e cando non queremos entendela de primeiras mándanos outra taza de caldo para que nos quede todo ben claro. A Chantada semella que se unen agora máis casos en Friol e Boiro, e isto non ten pinta de parar. Aseguran os veterinarios que as vacas galegas están cada vez peor alimentadas, en peores condicións sanitarias e, polo tanto, con máis risco de enfermar. Afirman tamén que os gandeiros están cansos e desanimados ata tal punto que nunha comunidade onde se tratou sempre á vaca coma a un máis da familia, agora se está disposto a deixalas morrer.

Os gandeiros son os que toman esa última decisión de que facer cos seus animais, pero ás vacas matámolas un pouco todos.

Un modelo de produción de explotacións excesivamente dimensionadas e dependentes do penso puxeron a arma, os baixos prezos do leite e os altos custos de produción cargárona, e unha situación persoal complicada e unha comunidade que mirou para outro lado apretaron o gatillo.

O modelo que creamos non pode máis. Galicia queda sen vacas, pero non será de repente, imos velas morrer unha a unha e non estamos preparados

Sí, no caso de Chantada miramos todos para outro lado. Parece claro que o gandeiro por diversos motivos non estaba en condicións de xestionar a súa granxa, pero a sociedade deixoulle seguir. Fallaron as redes familiares e veciñais e quedou claro que a administración non está preparada, non ten mecanismos para detectar estes casos e non hai protocolos para intervir ata que o mal xa está feito.

O de Chantada tiña que terse atallado antes dos cadáveres. Cando as vacas comezaron a perder peso, cando se deixou de pagar os seguros e se parou a produción de leite tiña que ter saltado algunha alarma. Eses cadáveres tiñan que cheirar, no sentido literal e no sentido figurado. Pero no medio rural semella que esas alarmas aínda se ralentizan máis, nun Axulfe despoboado e envellecido ninguén cheirou nin viu nada ou non se quixo ver nin cheirar nada.

Non hai que buscar respostas no microcosmos para buscar sentido á desgraza de Axulfe. Foi un efecto dominó, un cúmulo de circunstancias que rematou da peor das maneiras.

O modelo que nós creamos non pode máis. Fálase moito de que isto vai derivar nunha Galicia sen vacas. Pero non imos levantarnos unha mañá e botalas en falta nos prados. Imos ver como morren unha a unha. Incineralas unha por unha. E para iso tampouco estamos preparados.

Comentarios