Opinión

Caligrafía

POUCO DESPOIS de decidir que quería ser xornalista, e pensando que me faría falta para a carreira, pedinlle unha máquina de escribir aos Reis. Pero daquela os Magos "estaban pobres" e pasaron de min… igual que fixeron nos seguintes anos. Ao final, cando empezou a serme imprescindible para os traballos de clase, mercouma o meu pai nunha tenda de Fuencarral, coa advertencia, que xa contei varias veces, de que así a miña letra ía empeorar. Daquela non lle fixen moito caso, pero cando chegou o exercicio profesional, as roldas de prensa diante de xente apurada, as notas tomadas de pé nalgún recuncho ou cun brazo ocupado polo teléfono, caín na conta do atinado que era o aviso. Hai veces que nin eu entendo o que escribín dez minutos antes. Ás veces semella o que chaman "letra de médico" (aínda que no seu caso parece case unha práctica para preservar os arcanos da profesión). Despois apareceu o ordenador e a impagable posibilidade de corrixir as erratas e refacer ata o infinito. Así que ao final chega un momento en que un xa nin sabe escribir a man e esa práctica vai esmorecendo. Non son un caso illado. Agora están de moda as caligrafías e tamén as tipografías inventadas, e nas librarías volven ocupar un sitio destacado os vellos cadernos Rubio cos que tantos aprendimos a escribir ou calcular. Igual dentro dunhas décadas ou séculos, os seres humanos xa nin saberán como se colle un simple lapis.

Comentarios