Opinión

Cheiros

TODA EXPOSICIÓN ou texto sobre os tempos antigos coincide no alto grao de sucidade no que vivían os nosos antepasados. Recordo unha mostra en Lugo na que destacaban que as cidades romanas (Roma, referente que usamos para tantas e tantas cousas) ulían rematadamente mal. Ata hai dous ou tres séculos, na glamurosa París a xente tiraba os ouriños á rúa dende as casas. Os perfumes non se usaban tanto para ulir ben e atraer aos outros como para ocultar malos cheiros. Os parámetros de hixiene, está claro, non eran os mesmos que hoxe en día. Agora estamos no extremo contrario. De feito, xa hai quen di que nos aseamos de máis, que aos nenos non lles vén mal xogar coa terra (algo que agora parece estar prohibido), e mesmo hai estudos que vinculan algunha enfermidade grave coa nosa asepsia militante. Iso non debe levar a descoidar o aseo persoal. Todos asumimos o desagradable que é atoparse con alguén abandonado polo seu desodorizante, en especial se ten unha profesión cara ao público: hostalería, comercio, forzas da orde... Neste senso, eu son moi intolerante con algunhas cheirumes: teño deixado de ir a sitios onde se comía máis que ben porque non me apetecía ter que facer unha colada extraordinaria cada vez que saía do local. O cheiro que deixa o tabaco nunha casa despois dunha fin de semana de moito fume foi, por exemplo, o que me fixo deixar de fumar. Este luns cumpríronse seis anos diso.

Comentarios