Opinión

Fartura estival

ÁS VECES, nalgún momento de relax, cando estamos discutindo na Redacción propostas para preguntarlle aos ciberusarios, sempre se nos ocorre algunha 'friquienquisa', desas que sabes que non podes/debes preguntar pero que che permiten un intre de risas: canto tardará o político X en cambiar de garavata, quen será o primeiro partido en romper un pacto, etc. Ultimamente, eu aposto por unha, que cada día vai medrando en opcións: que tema da actualidade de agora o aburre máis? E digo que o asunto incha porque cada día ocórreseme un novo. Parece que o verán queceulle as neuronas a máis dun e hai unha competición por ver quen marea máis a perdiz e quen dá máis voltas e voltas e voltas e voltas arredor de algo sen saír cunha solución. Cando pensabamos que a apelación continua a "las gentes" do dosificado Pablo Iglesias xa estaba superada, chegan os gregos e nos teñen un insufrible mes e medio dándolle voltas a un plan para, finalmente, aceptar o primeiro. E despois, aparecen os soberanistas cataláns rizando o rizo: vou ir na lista pero non para que me votes, semella que din Artur Mas e Oriol Junqueras. Realmente pensan que tanta volta e reviravolta vainos interesar dende o principio ata o final, sen que rematemos máis que fartos? Por que carallo non se van de vacacións dunha vez?... Ai, non, que despois empezarán coas eleccións. Ai, Deus!!!

Comentarios