Opinión

Grandes palabras, 'que no es poco'

OS SALÓNS de plenos municipais énchense de grandes palabras nas sesións de investidura; despois, nos plenos normais, xa chegarán as rifas, a política cativeira ou os silencios dos concelleiros que están só para votar. Pero nas sesións de investidura podes oír falar de imperativos legais, de ética, de república, de liberdade, de pobo, de laicidade, de xustiza social... grandes palabras, sen dúbida. Este sábado de San Antonio moitos edís das mareas cidadás prometeron a Constitución apelando ao seu código ético: pregúntome se, xa que non lles gusta a primeira, quererán cambiala polo segundo. Pero o que máis me abraiou foi o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quen, dende o concello e dirixíndose ao público, berrou: "Os que estamos aquí somos os continxentes; vós sodes os necesarios". Os cinéfilos recoñecerán aí unha das máis grandes frases da historia do cine español: “Alcalde, todos somos contingentes, pero tú eres necesario”, que exclama un veciño en 'Amanece, que no es poco'. Non sei se isto é unha homenaxe de Ferreiro á peli dese galego de adopción chamado José Luis Cuerda, pero confío en que non se lle ocorra subirse ao balcón de pazo de María Pita e pedir: "Hala, a hacer flashback".

Comentarios