Opinión

Noctámbulos

AOS GOBERNOS dámoslles dereito a que poñan orde en certos costumes privados, como o tabaquismo... Unha das últimas teimas en España son os horarios: hai unha mobilización para que deixemos de trasnoitar, e mesmo algún candidato propuxo cambiar o noso actual fuso horario, herdado do franquismo, para adaptarnos aos costumes europeos. Pero logo chegan organizacións amparadas (teoricamente) polo Estado e poñen unha final de Copa de Rei ás nove e media da noite dun domingo. Aínda sen penaltis, a cita rematou na madrugada do luns, día laborable. Contrasta isto co ocorrido á semana seguinte, cando o fútbol europeo organizou a final da Champions para as nove menos cuarto dun sábado, véspera dun día maioritariamente non laborable. Os españois temos a sona de que somos os que mellor improvisamos, e haberá que adxudicarnos a de que somos os que mellor levamos as olleiras. Vainos a marcha, e gústanos crear escola e que os nosos herdeiros empecen desde pequenos a trasnoitar: abonda con ver a cantidade de nenos presentes nas celebracións da Copa e da Champions. Os fillos dos futbolistas poden deitarse máis tarde? Trasnoitar tamén é algo que exportamos: levámolo mesmo ás nosas excolonias. Chega con oír nas radios estes días a Enrique Iglesias propoñendo (nunha canción pensada para América) bailar «ata as dez», enténdese que da mañá. Que resistencia a nosa!

Comentarios