Opinión

A lingua de Lores

Resistíame a falar de política local durante estes arrebatos de enclaustramento, pero hoxe, tras ler a entrevista que Serafín Alonso mantivo co alcalde Lores, non podo deixar de botar unha ollada a Michelena, 30, esa casa que —permítanme a confesión— foi durante 15 anos o lugar no que traballei ata 2019.

Se a cidade está funcionando coma un reloxio, é mérito da maioría da poboación, pero tamén dun goberno local que desde o minuto un púxose á fronte dunha situación difícil, en silencio, con espíritu aberto e construtivo, pese a que desde Madrid limitaron súbitamente as súas competencias. Alguén pensa que en Pontevedra, se se mantivese a responsabilidade municipal íntegra no ámbito da seguridade algo iría mal? Sen dubidar, todo decorrería igual ou mellor, porque dirixentes e funcionarios públicos sempre fóron un exemplo de responsabilidade, entrega e eficacia.

Pode que se cometesen algúns erros, como calquera nesta horrible situación. Quen non o fixo? Pero tanto a direción operativa dos servizos, como as áreas máis sensibles de benestar social, seguridade, atención á violencia de xénero, prevención da delincuencia, cooperación coa pobreza extrema e sen teito, familias necesitadas, os aspectos máis críticos e urxentes do momento, están a funcionar como cabería agardar capitaneados por un goberno maduro, sólido e de absoluta garantía.

Pero non só iso. Puxéronse a toda máquina para pagar a proveedores, sabendo que o Concello ten unha forte influencia na economía local. Os que proxectan obras teñen preparado investimentos millonarios para reaxir a normalidade a través da renovación, mellora ou mantemento de rúas, prazas, parques, xardíns ou espazos naturais en todo o municipio. Será, como dixo o alcalde, se desde Madrid non lles confiscan os aforros municipais cos que Pontevedra conta e que ata o momento non podían investir porque llelo impedía unha norma dictada por Montoro cando a crise anterior.

Será, como dixo o alcalde, se desde Madrid non lles confiscan os aforros

Seguro que os responsables de cultura, festas, deportes, xuventude, etc. están planeando inversións en estéreo para contribuir a que ese sector dos servizos se revitalice contribuíndo á animación e a xolda colectiva, porque a festa e o ocio son ademáis economía de primeira. 

E ademais destes sectores, unha re-conexión necesaria. O reencontro entre a cidade e o seu comercio, ao que o virus pillou en plena reconversión. Un sector tocado de morte pola centralización comercial, pola radical modificación duhas relacións que se viñan tecendo por décadas e están a desaparecer. A venda electrónica racha cos intermediarios, os comerciantes, cuestionando a viabilidade de moitas empresas. Non é unha responsabilidade municipal, pero seguro que o bipartito local estará ao quite, motivando a veciñas e veciños para mercar nos comercios de sempre. E por suposto, xantar, cear e terracear nos nosos recunchos favoritos.

Como xornalista, resúltame algo difícil valorar o papel dunha equipa coa que traballei durante tanto tempo. Esquezo con cariñosa condescendencia os momentos máis áridos para proclamarme pontevedrés de importación. Súmome á gran maré de persoas satisfeitas por estar dirixidos con tanto tino. E, sobre todo, por unha frase do alcalde nesta entrevista: “vou morder a lingua” sobre as críticas ao actual momento. E outra: “Só pido prudencia, sensatez e responsabilidade”. Ave Lores.

AS ÁRBORES DA CIDADE. Se algún lugar resulta para nós engaiolante e inspirador nesta cidade son os parques e os xardíns. Alí están os protagonistas da nosa recomendación: as árbores de Pontevedra. Poden procuralas na galería do web municipal, xunto a outras publicacións. É un libro de máis de 300 páxinas que percorre a xeografía vexetal de Pontevedra da man de Xaime Blanco e Amancio Castro, que despregan todo o seu saber sobre especies, localizacións e outros detalles interesantes.

Comentarios