Opinión

A mensaxe é o uniforme

Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Rolda de prensa dos representantes do comité técnico. EFE

O xeneral José Manuel Santiago, número 2 da Garda Civil, ten cada día unha misión: ofrecer datos nunha mal chamada rolda de prensa. Mal chamada porque as roldas de prensa son reunións exclusivas para xornalistas, e o que fan en Moncloa son programas de tv en directo, con intervencións de varios xornalistas. O espírito dunha rolda de prensa non é o contacto directo entre o voceiro e o público, senón o contacto entre a fonte informativa e o profesional da información, que recolle o que necesita para facer o seu traballo, ao servizo do seu criterio deontolóxico e sometido ás circunstancias formais e ideolóxicas do medio para o que traballa. 

A Presidencia do Goberno, con bo criterio para a imaxe do executivo, estableceu un sistema informativo a tres niveis, moi ben pensado para unha elevadísima audiencia televisiva, que consiste básicamente en convertir a sala de prensa de Moncloa nun plató permanente. Un pouco como Sálvame, pero noutra esfera conceptual. Eses tres niveis están encabezados polas longas intervencións emotivas do presidente, seguen coas máis tecnocráticas dos ministros, aínda que con algunha entrega retórica ao guaracheo político entre partidos. E por último a do chamado "comité técnico", encabezadas pola estrella mediática do momento, o doutor Simón, que aparece rodeado de catro altos cargos da estrutura do poder gubernamental: unha enxeñeira de transportes e tres homes uniformados que representan aos dous corpos de policía de ámbito estatal e ao exército. 

É interesante resaltar o de "uniformados", porque a linguaxe non verbal non é gratuíta. Eles representan toda a misión ameazante do estado, algo que o noso ten en común con todos os estados e non ten nada de malo. Un estado sen forza pública aínda non se inventou. De feito, a poli e os militares van ataviados así, non porque resulte preciso para o seu traballo, senón para reforzar esa capacidade represiva, ese monopolio da violencia que ten calquera corpo policial para cumprir o seu fin: protexernos baixo o imperio da lei. 

Por tanto, ten toda a lóxica que os uniformes se introduzan nas casas de todo o país nos momentos de máis audiencia televisiva da historia. Son o respaldo dos discursos épicos do presidente. O que importa son as medallas, a estética uniformada. Por iso os tres se dedican a ofrecer informacións de escasísima importancia. Están ahí para exhibir o poderío heróico e centralizado do Estado. Un núcleo duro da comunicación central para un reino con graves teimas territoriais. Reforzan o poder simbólico do líder coma do centro, ao marxe da estrutura parlamentaria que sostén o goberno… O PSOE ten unha sorte inmensa con esa dereita ultra e dogmática na oposición, pois se o conto fose outro quizaves non gobernarían. 

Ademais é un clamor que os tres protagonistas, que de seguro que son magníficos profesionais do seu, non se atopan moi felices ante as cámaras, agás cando tratan de poñer en valor o furor guerreiro contra o virus, que sona bastante demódé. 

O xeneral Santiago expresou mal unha idea. Tivo mala sorte. Coa verbalización desa evidencia provocou unha pequena treboada. Fixarse no desliz involuntario dun abnegado funcionario público ten cero trascendencia. A única, amargarlle un pouco a vida a unha persoa decente. Os sabios destas cousas deixaron escrito hai xa bastantes anos que o medio é a mensaxe. Pois iso, dan moita risa os que a collen con papel de fumar aproveitando a debilidade momentánea dun funcionario. 

MAPAS DO MUNDO. Gústanllelos mapas? Gozan a bordo do Google maps? Collen un plano dunha cidade e oriéntanse sen esforzo? A min pásame iso. Segundo o meu sicoanalista ten a orixe na miña infancia militarizada, por iso o relaciono coa interpretación metalingüística dos uniformes e a súa semántica. Pois procuren na web antiquemaps. com (tamén en Instagram) e distraian o seu confinamento con esta viaxe apaixoante pola historia gráfica do planeta. E de paso lembren algo básico, moi básico: o mapa non é o territorio.

Comentarios