Opinión

A síndrome gallinejas

Casa de Correos de Madrid, na actualidade concello de Madrid, obra do arquitecto Antonio Palacios. ADP
photo_camera Casa de Correos de Madrid, na actualidade concello de Madrid, obra do arquitecto Antonio Palacios. ADP

EN PLENA crise, xorden tamén algúns elementos para a reflexión. Por exemplo un estudo da Universidade de Harvard relaciona a contaminación do aire coa maior mortalidade a causa do Covid19. As persoas que viven en condados americanos con maior contaminación durante os 15 últimos anos. O rendemento clínico de pacientes que estiveron sometidos a eses niveis de contaminación é bastante peor que os que proceden de lugares co aire limpo. Información facilitada por Francesca Dominici durante unha entrevista publicada por Contexto. 

Parece lóxico que se os teus pulmóns e a túa tensión arterial foron sometidos a un martirio polas partículas en suspensión procedentes da chamada tensión urbana, cheguen en peores condicións ao contacto cun virus, que un corpo que sempre respirou aire puro, pero non está de máis que os científicos avalen ata as máis evidentes dimensións do sentido común, porque nesta época de amiplín e negacionismo, todo hai que pasalo polo tamiz positivista… un vicio máis da absurda realidade. 

Pero centrémonos nese contundente dato para analizar o graduado fin do confinamento. Parece que todas as decisións están a tomarse a medida dunha gran cidade, coma se todos vivísemos en Madrid. Semella que o comité científico que asesora ao presidente non tivese en conta detalles de xeografía básica como a dimensión das cidades, as persoas que non viven nelas ou os índices de dispersión demográfica polo territorio. 

Nada estraño tratándose de madricéntricos que xa os primeiros días fixéronse unha lea do copón con iso de asumir desde o minuto cero competencias autonómicas que dous telexornais máis tarde non souberon como manexar, demostrando que hai dúas enfermidades: unha máis cruel e cabrona, provocada por un virus terrible. E outra máis latente e antiga, que poderiamos chamar síndrome gallinejas (unhas tripas nauseabundas que comen os oriúndos da capital). Unha doenza conductual, mestura de cegueira e paranoia, que tende a velo todo a través do arco de Moncloa. Ah e que non é exclusivo deste goberno: é un asunto ecosistémico que causa problemas no clima. No clima político e territorial do Estado. 

Solucións unitarias para o desconfinamiento, organizadas desde Moncloa, serían unha consecuencia máis dese comportamento. Isto é: unha desconfianza no resto dos poderes do Estado como son os gobernos autónomos ou os concellos e deputacións, que serían meros executores das ordes de Madrid. 

Todos os meus amigos portugueses confinados nas proximidades de Porto, por exemplo, poden pasear polo monte e enchen os seus instagrams con fotos bucólicas e épicas, subidos a unha pena ou camiñando pola foresta. E aínda que Portugal ofrece mellores resultados que España, a súa rexión norte ten máis contaminados por cada 100.000 habitantes que Galicia. Algunha relación coa síndrome gallinejas? 

ANTONIO PALACIOS. Poñendo que falamos de Madrid, centrémonos nunha dimensión pontevedresa desa cidade marabillosa e insubstituíble na vida de quen a coñece. Si, tamén os farois e semáforos da Gran Vía tras a súa última reforma, fabricadas aquí por Setga. Pero falaba do arquitecto Antonio Palacios. Natural do Porriño e con obras fantásticas na súa cidade natal, O Carballiño e Panxón, auténticas xoias modernistas. É sen dúbida o máis potente creador de iconas e formas urbanas no Madrid de principios do século XX. Petulantes edificios como Correos —actual concello— o Círculo de Belas Artes, o Banco do Río da Prata —hoxe Instituto Cervantes— o Hospital de Maudes —convertido en consellería— e decenas de arquitecturas máis esparexidas pola capital. Xigantismo, granito, potencia creadora que converteu un poblachón manchego sen demasiada graza no que moitos consideran unha capital de exhuberante poderío. Busquen a súa obra se se aburren estes días entre tanto biscoito e vichysoisse.

Comentarios