Opinión

Os premios e nós

Pontevedra foi escollida para lucir o primeiro premio que a Comisión Europea entrega a unha cidade pola súa relevancia na loita contra a violencia viaria. Ao nivel de Bruxelas pola organización da súa mobilidade e ao mesmo tempo que as campañas da Week Mobility a unha cidade serbia e a outra grega. Un novo premio que analizamos en tres dimensións: a da promoción urbana, a da mobilidade e a da autoestima. Todas e todos felices. 

Tramo peonil da rúa de Benito Corbal. DAVID FREIREAhí está de novo a cidade recollendo os réditos de terse convertido nun referente internacional da nova mobilidade. En plena desescalada, cando todas as urbes están estudiando como controlar a re-invasión de coches, ruidos, fumes, accidentes e engarrafamentos. Aquí, calma chicha. A maioría dos municipios botarán un pulso nos próximos días co seu parque automobilístico. Aquí como moito o poli de garda na sala de pantallas do Cetra terá que estar algo máis atento aos tres ou catro lugares onde a espera pode superar os cinco minutos. 

Pero máis aló do Covid, premios como o que onte coñecemos continúan unha onda de éxito que ten un triple percorrido. Un percorrido promocional, outro relacionado coa construción da nova mobilidade urbana, e unha terceira pata, non menos importante, relativa á autoestima, ao ben que o estamos facendo rachando os moldes da inercia e poñendo certos puntos sobre as súas íes. 

O aspecto promocional é o máis evidente. Se Pontevedra está na boca de máis xente, Pontevedra subirá puntos no termómetro das cidades, se é que ese termómetro existe e serve para algo. Aínda que non serva para nada, estar é estar, e iso non o quita ninguén. O irreprochable é que todo o que entra na rede é peixe. Que o mome da cidade figure asociado a ideas tan vivas e rexeneradoras como a sustentabilidade, a seguridade viaria, a calidade urbana ou a vida tranquila e feliz dos seus habitantes, é sempre motivo de ledicia. 

A falta dunha enorme catedral gótica, dunha potente muralla romana, dun famoso parque temático, dunha gran vida universitaria, de hoteis que animen a vir por sí sos, ou dun teatro de ópera cunha estupenda tempada de concertos, fomos quen de inventar un relato épico que singulariza a nosa marca e nos sitúa, cun argumento rabiosamente contemporáneo, no ceo das mellores cousas. A Boa Vila sigue a vivir unha nova etapa de gloria, como outras moitas que nos trouxeron aquí: o momento Sesmeros, a ilustración republicana, a Feira Franca ou o Gremio de Mareantes, por citar catro espléndidos momentos urbanos desde a refundación da cidade, cando citaron por primeira vez o concepto “Ponte Vella”. 

A aportación xenerosa de Pontevedra á nova mobilidade das cidades ten tamén a súa importancia, da que dan boa conta a gran cantidade de convocatorias que chegan a Michelena 30 para participar en foros e congresos ao longo do ano. E aló van os nosos dirixentes a explicar os comos e os porques das cousas: o tráfico de necesidade, o sistema de aparcamento, a prioridade das persoas sobre os coches, o dereito ao espazo público igual que á educación e á sanidade, a seguridade viaria, a cidade das diversidades, as rúas como espazos educadores, a festa como investimento estratéxico, a importancia dos eventos culturais e deportivos, a accesibilidade universal, a enorme relevancia e a filosofía dos lombos, os calmados de tránsito, as cuestións de xénero, o modo de entendermos as controversias que xenera o conflito, o medo ao cambio, a importancia de non deslocalizar o comercio, a valoración das informacións publicadas, as fórmulas de participación, a cohesión social e a harmonía que permite o modelo. E ademáis, a explicarlles que non é cousa do tamaño da cidade, senón de filosofía. Porque Madrid son unhas cantas Pontevedras xuntas —esto está entendéndoo París co seu proxecto de cidade do cuarto de hora—. E Lalín, Sanxenxo ou Ponteareas poden obedecer á mesma lóxica da súa capital provincial. 

A segunda dimensión destes premios nace por tanto deste prantexamento disruptivo, experimental, erudito que os pontevedreses estamos ofrecendo ao mundo, tanto desde plataformas especializadas na mobilidade, como desde tantos medios de comunicación internacionais que poñen o foco na nosa cidade. Veñen inspirarse, tomar notas, ver en vivo unha materialización desta utopía contemporánea que é a cidade sen coches —ou cos coches domesticados—, e enseñan nas súas respectivas cidades os camiños polos que poden transitar. Sen sequera rozar o chauvinismo, podemos dicir que exercemos de patriarcas dunha relixión liberadora e rexeneradora do medio urbano que, alomenos nas cidades europeas, compróbase que é posible, sempre que sexamos quen de plantarlle algo de cara ao consumismo brutal e as inercias capitalistas que nos tratan únicamente como obxectos de beneficio no canto de nos tratar como persoas. Estamos abrindo camiños a unha nova relación entre os coches e as cidades. 

E xa por último, e non menos importante, é a sensación de autoestima. Pontevedra crea tendencia, marca un certo ritmo. Por moi humilde que te sintas, sempre estarás pensando, en calquera lugar do mundo, que unha caña na Verdura ou un paseo ata Bora son difíciles de igualar no ránking de sensacións urbanas. Imos de viaxe. Ti podes ser moi feliz tomando un café o Iruña, un buñuelo no Lhardy, un petisú na Campana ou paseando polo parque da Torre, pola Malva-rosa ou o Chiado. Podes patear a Vía do Corso, as beiras do Sena, o speak corner ou ver a paisaxe de Manhattan desde o tranquilo paseo de Hoboken. Sitúate onde queiras, que a beleza de Pontevedra vai resultarche insuperable, e a razón, moitas das razóns que te levan a iso, son froito non só do que ti pensas sobre a túa cidade, senón tamén do que pensan os demáis. E entre os demáis está quen nos premia, porque nos axuda a apreciar desde fóra o que nós vemos desde dentro, reducindo así os niveis de ensimismamento, que nesto do localismos solen derivar en estúpidos e acomplexados comportamentos. 

Un posicionamento urbano que hoxe por hoxe está, de feito, por enriba de calquera sigla ou expresión política. O gran mérito dos xa máis de 20 anos do goberno actual foi saber conducirse con xeito, con determinación e moi alto sentido da autoridade, e sen maiorías absolutas. Iso fixo que o modelo urbano, que se cuestionou e en certa medida aínda se cuestiona por parte dalgúns iluminati, sexa realmente un espazo común de aceptación que comparte a maioría da poboación, tal como se expresa nas urnas cada 4 anos. 

E inxusto sería falar de premios á cidade sen referirnos, aínda que sexa brevemente, ás duas enerxías que lideraron este proxecto. Personalidades moi distintas, pero tamén moi complementarias, porque non hai barco sen patrón, nen vela que te conduza a onde queres se non a sabes manexar. César Mosquera, o maquinador, o estudioso, o teimudo, o sólido cemento armado dos sucesivos gobernos da Pontevedra do século XXI. O home que merece todas as homenaxes aínda que ande pola vida con esa apariencia ruda. E o alcalde Lores, un tipo realmente simpático, próximo e arrollador, no que conflúen ese xeito de manexar a situación combinando a man dura co sentidiño e a afabilidade. Dous homes ilustrados e modernos no mellor sentido da palabra, ao frente dunha xeneración que foi quen de mudar a cidade e convertila no que é. E no que, quen máis quen menos, queremos que siga a ser.

Comentarios