Opinión

Puro teatro

ESCOITAR ao superhome Abascal defender de boquilla ao colectivo gai para atacar a Sánchez non deixa de ser unha dimensión máis do espírito teatral que se apoderou este mércores da cámara baixa. Un espíritu ao que o actor principal chegou cos deberes feitos: o pacto pechado con Cs e PNV para sacar adiante unha nova quincena do estado de alerta que lle permite continuar exercendo esa paternidade emocional desde o púlpito da Moncloa. 

Parece un contrasentido que o goberno non demostre algo máis de agarimo cos seus soportes parlamentarios. É certo que un Parlamento é unha institución realmente secundaria no entramado do poder. Cando o partido que goberna ten maioría absoluta, as cortes son un trámite burocrático de vida gris escura, algo así como un xenerador de barullo político para telexornais, como está a suceder agora en Galicia, onde nen sequera se convoca, e se se convoca as noticias saen únicamente nun programa especial que teñen na TVG chamado venres negros

Ese Parlamento patalexo non existe agora en Madrid, onde soporta un bipartito en minoría que debe apoiar a súa viabilidade nunha ensalada de siglas periféricas. O concepto é: a río revolto, ganancia de Moncloa. A proverbial capacidade táctica do PNV sempre é un recurso que teñen á man os gobernos centrais. Os cataláns xa tiñan pensado votar en contra debido ao peculiar sentido que viña tomando eso do “estado máis descentralizado do mundo” que figura en todos os blasóns do reino. Mentres Merkel é autorizada polos líderes dos seus lands para dirixir o estado máis potente de Europa, Madrid non sabe manexar unha crise confiando nas súas comunidades autónomas, demostrando que o invento aquel dos anos 80 foi tamén un recurso teatral, como cando Santi se convirte protector de maricas ante a alongada sombra do Che Guevara, ese cruel homófobo que facía pinchos morunos cos músculos dos chulazos do malecón. 

Pero co que ninguén contaba era co xiro de timón de doña Inés, ese personaxe castizo ao que lle recitan ¿No es cierto, ángel de amor, / que en esta apartada orilla / más pura la luna brilla / y se respira mejor?. Quén non quere para sí un Pedro Tenorio, sobrado de autoestima pero necesitado de parné, para equilibrar unha votación difícil? Un momento este que destapou todos os vendavais: Estará probando Cs unha ubicación máis esquiva co PP? Qué ten que ver a star system Ayuso nese reenfoque da xogada? Xa non é un problema que no goberno existan comunistas de carné? O que ofreceu Lastra polo 'si' limitouse a esta votación?

Unha sesión na que o deputado do Bloque dixo si e dixo non. Si, porque non está o alcacén para gaitas. Non pola desazón con que o goberno manexa a cuestión territorial e a desidia que lles demostra aos seus aliados de orixe, a eses a quen debe a súa elección como Presidente. Porque o Parlamento, sobre todo, é o teatro no que se reflexan as sombras de Moncloa. E a equipa de Sánchez xoga noutra liga, a longo prazo. E no seu momento máis épico tenta gañar a súa partida máis dura. 

AMIGOS POLÍTICOS. A principios dos 80 publicouse un libro titulado Los amigos políticos. Se nos esforzamos un pouco, ten algo que ver coa votación deste mércores. Los amigos políticos. Partidos, elecciones y caciquismo en la Restauración 1875-1900, de José Varela Ortega. Nin idea do papel que este volume xoga na historiografía española do século XIX, pero lembro, case cuarenta anos despois, que da súa leitura me ía explicando algo do que realmente era Madrid: unha elite política ensimismada, que recorre ás provincias para manter o statu-quo dun estado que realmente non pode estar moi orgulloso do seu século XX. E así seguimos. Ah, se queren algo agradable recoméndolles Radio Gominola. Rúa da Estrada. Alí seguen.

Comentarios