Opinión

Sánchez González

ENTRE o círculo no que me movo existe unha especie de felicidade implícita polo feito de que esta situación horripilante estea capitaneada por un tipo coma Pedro Sánchez, algo que por moi crítico que sexas coa xestión do goberno, debe tranquilizarnos. A alternativa era esa xente capaz de poñer medallas oficiais á virxe do Carme e excentricidades así, cousa que en xeral produce algo de arrepío. A estas alturas, vanagloriar espectros ou practicar tradicións espirituais debe manterse lonxe da esfera pública e que cada un a viva como queira, sen salpicar. 

O directo televisivo do presidente resulta rotundo. Quizaves podía aforrar algo de metraxe repetindo ata a saciedade ideas xenéricas do seu relato, costume fomentada por xornalistas que, por suposto con todo o dereito, queren extraerlle novos datos ou conceptos informativos tras promulgar sagaces preguntas. Sánchez responderá sempre encantado de escoitarse, facendo algunha repichoca oratoria e sabendo que tras milleiros de pantallas hai cidadáns co estómago enroscado buscando respostas que ninguén pode darlles. Impecable e implacable na transmisión emocional. Intensidade na palabra, profundidade na mirada e nos xestos, manexo das técnicas teatrais da convicción e a credibilidade. 

É certo que longos anacos do discurso poderían resumirse nun telegrama. Prodígase en reiteracións argumentais, que ao final resultan importantes aliados para transmisión dos afectos entre o líder e o seu público. Algunhas frases para titulares informativos, algunhas explicacións innecesarias, insistencias varias. Pero el e os seus saben que o que conta nesta historia é trinomio humildade, emoción e transparencia. 

Que non equivale a dicir que Sánchez sexa humilde, emotivo e transparente, senón que a representación icónica do Presidente flúe por eses flancos da poética política. Unha parte da poboación verá un herói de guerra envolto nesa épica belicista que tanto gusta aos líderes. E haberá quen vexa un perigoso xestor, se facemos caso algunha xente bruta e coas amígdalas mal ubicadas, pois parece que falan a través do esfínter. 

Sánchez sábese parte da rexión máis luminosa do mundo. Quizá non teña os mellores científicos para aconsellalo na epidemia, quizáves a xoia do reino, a nosa saúde pública, non sexa máis ca unha linda fábula que circula entre nós, apoiada nas experiencias persoais que cada un de nós temos tras visitar un hospital. Quizaves as inercias centrípetas do estado central acabarán cobrándolle unha elevada factura en termos de estabilidade parlamentaria post coronavírica. Pode que Sánchez teña que volver a humillarse ante as pantasmas do seu propio partido, esas que non lle permitiron pactar con nacionalistas e podemitas tras as penúltimas eleccións. Pero no seu manexo da oratoria lembra precisamente a un deses pantasmas, o Felipe González de principios dos 80, unha das representacións icónica do cambio. 

Se Felipe, influido polo eufórico ambiente da transición, foi avanzando cara á dereita ate convertirse no influencer conservador que hoxe é, Sánchez podería facer o itinerario inverso, como pide o mundo actual, tan castigado polas consecuencias do capitalismo salvaxe e a uniformización cultural, por moi difícil que sexa de ver esto desde Madrid. 

HINDI ZAHRA. Adorable esta recomendación que pillei hai poucos días na rede dun querido amigo virtual. Non paro de escoitala. Case étnica pero melódica, case Cesárea Évora pero suave jazz tranquilo, con preciosos arranxos e esa elegancia parisina que enche o corazón de terciopelo. Esta emigrante marroquina que chegou a Francia con 14 anos e compuña marabillosos temas mentres vixiaba turistas no Louvre. Busquen calquera dos seus tres discos e gocen dese mínimo impresdincible para escoitar de perto a beleza.

Comentarios