domingo. 07.06.2020 |
El tiempo
domingo. 07.06.2020
El tiempo

Simón forever

Fernando Simón, nunha das súas comparecencias. EFE
Fernando Simón, nunha das súas comparecencias. EFE

A gripe do doutor Simón debe ser a febre máis sentida por millóns de persoas. De entrada quen máis debe sentila é o goberno, que trata de manter firme a nao en medio da máis dura das treboadas, da tormenta perfecta. 

Simón encarnou desde o inicio a voz dos datos relativos á pandemia. Estivo ao frente da terceira liña de ataque informativo de Moncloa, por detrás do presidente e os ministros, que ocuparon as duas primeiras. Pero ao contrario dos discursos emocionais do Presidente e os de corte máis racional de algúns ministros, o médico exerceu desde o primeiro día o papel da obxectividade, da ciencia e do rigor, unha pata fundamental no ecosistema hispano de cohesión e defensa común ante o andacio. 

Pode que nalgún momento o vísemos superado polos acontecementos, pero aínda nos máis críticos comprobamos como a paciencia, a mesura e o manexo das situacións aportaban toneladas de confianza catódica a unha cidadanía que ve diariamente como medra a cifra da infección e a morte. Un voceiro que cumpría con boísima nota a difícil misión de ir contrapesando os centos de contidos informativos que falaban de caos nos hospitais, de denuncias sobre a escaseza de material, de ataques políticos de algúns líderes da dereita cavernícola, das futuras cifras que moldean cada día a famosa curva á que non se lle atopa fin. 

Simón acompaña a súa mirada limpa e curtida en mil batallas cunha estética que o diferencia claramente do aspecto uniformado, plástico e impersonal dos representantes políticos e sobre todo dos militares que comparecen cada día para realizar as súas ás veces anecdóticas achegas. El deixouse caer no plató gubernamental coa súa fisonomía cotián e doméstica de quen está máis perto de Einstein que dun burócrata occidental. Botarémolo de menos e agardamos que apareza de contado, como ese personaxe imprescindible dunha peli que nos engancha ao principio e non volve a aparecer ata case o final. 

Tanto el como a súa substituta, María José Sierra, son a voz do grupo de científicos que asesora a Moncloa. Convén lembrar, porén, que quen gobernan son os ministros, ministras e sobre todo o presidente. Estes, por moito que se apoien no comité científico, deciden sobre o ritmo do confinamento e as cuestións territoriais. Sexa como fose, cada un pode sentirse como queira. Cada enfermeira, cada médico que o desexe, pode denunciar cousas ante as cámaras creando inquedanza entre a xente. Como cada hooligan pode vomitar no twitter toda a súa bilis de veleño. Ou cada partido da dereita pode encher as redes de mensaxes inflados polos seus sistemas de expandir a merda. 

Pero moitos outros seguiremos vendo na mirada persuasiva de Simón —tamén nos datos de Sierra, e nas emotivas confesións de Sánchez— a seguridade de que se nos equivocamos estamos errando todos, porque con eles compartimos medos e incertezas. E de que cando saiamos desta imos saber moitas máis cousas sobre como encarar a seguinte.

CHARIÑO. Dediquemos para a pronta recuperación do doutor Simón uns versos de Paio Gómez Chariño, nado na Pontevedra de 1225. "As frores do meu amigo / briosas van no navío / E vanse as frores / daquí ben con meus amores / Idas son as frores / daquí ben con meus amores". Unha oportunidade de ler algo antigo e estupendo. E se non queren, conéctense á obra de Amancio Prada, pero non ao disco de Rosalía ou ao Cántico Espiritual, tamén sublimes. Non. Escollan Leliadoura, un marabilloso xeito de gozar da poesía medieval.

Simón forever
Comentarios