Opinión

A por un 'Superdomingo' electoral?

 

A DERROTA dos orzamentos xerais do Estado na súa tramitación no Congreso dos Deputados marcan, de feito, o remate dunha lexislatura liderada por Pedro Sánchez ao fronte dun goberno xurdido dunha moción de censura e que nacera con vocación efímera pero que, nembargantes, mantíñase vivo coa respiración asistida que lle facilitaban, interesadamente, os independentistas cataláns, fundamentalmente.

Nos últimos días xa se vislumbraba que estabamos ante a crónica dunha morte política anunciada e que se viu acelerada despois da coincidencia do debate orzamentario co inicio do xuizo contra os 12 do Procés sin que se interviñera decididamente desde o executivo para frenar ou abortar un procedemento xudicial, imposible de obviar nunha democracia avanzada.

A filtración, interesada por parte de Quim Torra, dos 21 puntos postos enriba da mesa negociadora entre o goberno e a Generalitat desencadeou toda unha serie de reaccións en cascada que fixeron que os dous trens que ocupaban a mesma vía colidiran de xeito irremediable ante a imposibilidade de facerse a un lado, espoleados polos seus respectivos siareiros.

Agora pasou o que pasou e as súas señorías desbotaron maioritariamente os orzamentos de Pedro Sánchez facendo boas as advertencias previamente feitas polos partidos soberanistas cataláns. Como nota curiosa é de sinalar que os deputados de En Marea volveron dar a nota co seu pecular comportamento. Así, catro dos cinco deputados desta formación de carácter nacionalista e de esquerdas rebeláronse contra as recomendacións do seu portavoz nacional, Luís Villares, e os alcaldes das mareas de votar en contra das contas estatais, por perxudiciais para Galicia, e facer seguidismo de Pablo Iglesias e Podemos e apoiar ao goberno. Onde queda o interese de Galicia? En fin, menudo panorama!

Chegado a este momento, o vindeiro venres Pedro Sánchez anunciará as datas de celebración dos comicios xerais que poderán ser coincidentes ou non coa convocatoria electoral das municipais, europeas e autonómicas, fixadas xa para o vindeiro 26 de maio.

Entre as datas que se barallan están a do 14 de abril (prácticamente desbotada), a do 28 de abril, o 26 de maio e tamén o outono (entre setembro e outubro)... Sen esquecer a tolemia de seguir ata o 2020, que todo pode ser. A todo esto, a ninguén se lle pasou pola cabeza o feito de que convocar elección á marxe do 26 de maio supón da orde de 175 millóns de euros de gasto a maiores. Picata minuta...

O público en xeral sempre lle gusta que a xente se molle: Que os economistas fagan unha previsión acertada sobre o noso futuro a curto e medio prazo e os politólogos que dean un prognóstico axeitado sobre quen vai gañar ou, como neste caso, cando se van convocar as eleccións xerais.

Facendo un pouco de psicoanálise e mirando os distintos comportamentos de Pedro Sánchez a miña aposta, que pode estar errada ou non, creo que vai ir polo camiño de unir o seu destino persoal e político ao conxunto do Partido Socialista coa clara intención de que remando cada un para si acabe salvándose dunha queima inicialmente prevista.

Moitas son as voces que dentro do Partido Socialista falan de deixar á súa sorte ao seu secretario xeral, persoa que non goza de demasiada simpatía entre os baróns do PSOE polo seu comportamento errático orientado a conservar dun xeito personalista e casi egoísta o maior tempo posible o poder e a súa estadía na Moncloa sen importarlle en demasía os sacrificios que teña que facer o país ou o seu partido a cambio.

A teoría do Superdomingo do 26 de maio substentaríase tamén en sinalar que, ao meter a todo o mundo no mesmo saco, se une o seu destino ao resto do Partido de tal modo que o votante non faga distincións de papeletas (ou mínimamente) entre a urna das municipais, das autonómicas, as xerais e as europeas consciente de que certamente a variación dos resultados non soe ser de importancia perceptible. É dicir, o que vota unha opción política acompaña, polo xeral, a súa decisión nos demais recipientes electorais, agás excepcións.

Pola contra si os idus de maio non lle foran propicios e a cousas lle saíran mal, o problema non sería unipersoal senón de todo o mundo, eso sí, reservando para el o deber mediático de capitalizar un hipotético resultado positivo por aquelo de patrimonializa-lo éxito e socializa-lo fracaso. Nuna mellor dito. Así que, estando así as cousas, apostar por unha solución ao Fuenteovejuna non me parece especialmente descabelada, ou non?

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comentarios