Opinión

Abanca, quen te mirou e quen te ve

ESTES DÍAS está acaparando gran parte do interese e da incertidume entre os clientes de Abanca a decisión da cúpula directiva de pechar de xeito prácticamente inmediato un total de 15 oficinas na provincia de Pontevedra, reducindo de maneira substancial a presenza física desta entidade nun territorio que na súa xénese se consideraba como fundamental para o asentamento e o futuro do proxecto financeiro liderado por Banesco e Juan Carlos Escotet.

Moitos son os aforradores e máis aínda os comerciantes e emprendedores que ven como esta decisión da cúpula de Abanca bota polo chan toda aquela filosofía que rodeou o rexurdimento da entidade bancaria, a modo de Ave Fénix, das cinzas deixadas pola maltreita Novagalicia Banco. Atrás quedaron aqueles chamamentos de Juan Carlos Escotet, flamante presidente de Banesco, entidade financieira venezolana que se facía por 1.003 millóns de euros cun banco no que o FROB e a facenda pública española foran quen de investir a fondo perdido máis de 9.000 millóns de euros para evitar un crack económico derivado do estourido da burbulla inmobiliaria e financieira mundial.

Era polo final do 2013 e principios do 2014 cando o banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet esgrimía o seu sangue e as súas orixes asturleonesas para empatizar coa clientela galega do novo banco que rexurdía e apelaba á confianza e á necesidade de agrupar o aforro e o investimento en torno a Abanca como entidade que defendía os intereses do país e que mesmo vertebraría a recuperación económica e impulsaría o pulo de Galicia tras rematar coa crise dos anos 2008-2009.

Neste tipo de procesos o medo fundamental que ten o adquirinte dunha entidade que fai augas por tódolos lados, como era naquel momento Novagalicia Banco, era evitar a toda costa que os aforradores, os emprendedores e mesmo aqueles clientes crediticios fuxiran cara outras opcións máis consolidadas e pretendidamente máis solventes.

Escotet e o seu equipo non adoptaron os slogan das primeira eleccións que lle deran a victoria a Manuel Fraga nas autonómicas (lémbrense do "Galego coma ti"), pero casi. O certo e verdade foi que se xuntaron dos elementos fundamentais: Escotet precisaba a Galicia e a Comunidade galega necesitaba un banco que seguira apostando pola construción do noso país como músculo financeiro que catapultara e engraxara a incipiente recuperación económica galega.

"Escotet precisaba a Galicia e a Comunidade galega necesitaba un banco que seguira apostando pola construción do noso país como músculo financeiro"

Como resultado foi a rápida consolidación de Abanca como entidade financeira cos pés ben colocados sobre o terreo de Galicia e desde aí, facendo forza, foi dando pequenos saltos a outros mercados ao tempo que o seu funcionamento se ía mirando recompensado con pingües beneficios que facilitaron novas adquisicións bancarias como, por exemplo, a portuguesa Caixa Geral.

Ben. Son negocios. Sorte e ventura. De acordo. Pero a finais do ano 2019 Abanca xa producira beneficios acumulados por valor de 3.000 millóns de euros e si nos achegamos máis ao presente ve mos que no primeiro trimestre do ano 2021 esta entidade bancaria acadou os 100.000 millóns de euros de volume de negocio e leva acumulados xa 137,4 millóns de euros de beneficio, un 8,6% máis que no mesmo periodo do ano anterior, en plena pandemia e con tódolos problemas que disto se derivou para a poboación galega e española. Deixo para outro momento falar da subida exponencial das comisións bancarias que, en moitos casos, deixan nun broma aos incrementos nos recibos da luz e rozan a usura…

Recoñecendo que Abanca non é unha ONG e que está para gañar cartos, tamén hai que dicir que o compromiso social con Galicia está deixando moito que desexar a xulgar polas últimas decisións adoptadas e que, en moitos casos, vai supoñer que amplios territorios do país queden sen entidades financeiras para que os galegos fagan as súas xestións bancarias. Vai supoñer un auténtico xerro de auga fría para as aspiracións de zonas en desenvolvemento que loitan con gran esforzo e sacrificio contra a tendencia de desertización poboacional en Galicia ou de envellecemento da poboación pola falla de servizos e oportunidades, como agora se demostra con esta decisión de Abanca.

En fin, que non está Abanca para facer unha dura reconversión e un peche masivo de oficinas por necesidades de supervivencia posto que os resultados ben poden "soportar a presión" de pequenas oficinas espalladas pola xeografía galega que non acaden grandes resultados económicos de por si, pero que prestixian e afianzan a marca alá onde prestan eses servizos públicos á veciñanza, factor tamén moi importante e que estas decisión parecen esquecer.

Ao final vai ser certa aquela lámina de Castelao onde se representaba a un home traxeado dando un mitin xunto a un gran baúl intentando convencer aos presentes da importancia de apostar por un país a través dos seus impostos e dicía: "Cando enchamos esta caixa, todos seremos ricos". E coa sorna habitual do ilustre galeguista, un vello presente no acto atreveuse a mascullar polo baixo: "E quen vai ter a chave?". Pois parece que Abanca xa é menos "a banca de [email protected]" e a chave gárdase na faldriqueira de Escotet, ou non?