Opinión

A vida segue igual...

GÚSTAME DE cando en vez mergullarme nas páxinas de internet e nos vídeos de youtube dun xeito anárquico e sin rumbo, deixándome levar libremente polos distintos enlaces que van xurdindo e entrelazando contidos e entradas que a xente sube, sen ton nen son, ás redes sociais ou ás novas autoestradas da información, ás veces ata dun xeito compulsivo. Estaba eu neses menesteres cando de súpeto apareceume nunha canle de youtube o ínclito Julio Iglesias, cantante de ascendencia galega, entonando unha das súa míticas cancións: "A vida segue igual...".

E mentras ía escoitando o estribillo e as primeiras estrofas da súa canción, a modo de sintonía melancólica, abandoei precipitadamente youtube e entrei nunha das páxinas dunha axencia de noticias española que, a modo de favoritos sempre teño a man, onde aparecía como unha das novas destacadas a detención do presidente da Deputación de Valencia; Jorge Rodríguez, por presunta corrupción.

A noticia referenciaba todo un desembarco dos corpos e forzas de seguridade do Estado con rexistros na sede da Deputación valenciá, no domicilio do ínclito presidente e incluso no despacho oficial da Alcaldía do seu Concello, Ontenient. Xa de modo automático pensei: "Outro político do PP que vai para á trena!". Pois non, este é do Partido Socialista.

Desde logo vai ser verdade aquelo de que o poder corrompe porque parecera que houbera unha dereita correlación entre os anos de goberno dunha formación política co número de casos de corrupción que se detectan no seu seo aínda que tamén hai que dicir que nalgús individuos a carreira é verdadeiramente meteórica posto que o tal Rodríguez tan só levaba 3 anos no cargo…

En fin, como di a canción de Julio Iglesias, "a vida segue igual…" e por moito que enarbolemos a bandeira da rexeración democrática e a limpeza das institucións parecera que estiveramos condeados a seguir sufrindo esta lacra nas súas distintas versión e manifestacións como un mal intrínseco da nosa época. Agora, o clamor e a chamada ao linchamento público correspóndelle ás bancadas populares que reclaman con urxencia que se lle aplique ao dirixente socialista valencián a súa propia mediciña e, polo tanto, roden irremediablemente as cabezas precisas na executiva socialista desa comunidade autónoma (da que por certo procede o novo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, quen raudo e veloz fixo gala da solidariedade co seu compañeiro dicindo aquelo tan típico e socorrido de "cada pao que aguanta a súa vela") para depurar calquera tipo de responsabilidade.

Desde logo vai ser verdade aquelo de que "o poder corrompe" porque parecera que houbera unha dereita correlación entre os anos de goberno dunha formación política co número de casos de corrupción que se detectan no seu seo

Non me extraña logo que no outro bando, no do Partido Popular, non estea a levantar interese algún o proceso de primarias aos que están convocados os máis de 860.000 afiliados desta formación política que non está precisamente a pasar, tampouco, polo seu mellor momento. Parece que a incomparecencia de Alberto Núñez Feijóo e o elenco de aspirantes a suceder a Rajoy (6 despois de que José Luis Bayo quedara descualificado pola presunta acción dunha man negra que invalidou gran parte dos seus avais entre a polémica e a súa pataleta mediática) non levantan precisamente paixóns entre os militantes populares que pasan olímpicamente de rascarse o peto e pagar os 20 euros de rigor para logo poder roga-lo seu voto para participar neste proceso.

Só se inscribiu para votar o 7% dos afiliados e chama especialmente a atención que en Galicia esa cifra non supere o 4% sendo unha das circunscripcións na que se agarda a menor participación pese a que conta con 101.000 afiliados declarados oficialmente.

En fin, como di a canción "a vida segue igual...", tanto que a selección alemá de fútbol, cumprindo a vella maldición que persegue aos campións, quedou eliminada do Mundial de Rusia tras caer derrotada (2-0) fronte á discreta Corea do Sur...

Tamén "a vida segue igual..." nas vellas reivindicacións dos nosos políticos en Europa e así, Abel Caballero, alcalde de Vigo e flamante presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) reclamou en Bruxelas no Comité das Rexións da Unión Europea un pacto de revitalización demográfica. Todo un alarde de intencións, pero como de costume sin solucións prácticas...

E que me din vostedes de Gas Natural-Fenosa? Pois nada que a partir de agora chamarase Naturgy, así, ao vivo, sen anestesia, estirpando de raíz e polas boas o seu tradicional e ancestral apelido galego como sinal inequívoco de que seguimos a ser un lugar de extración das materias primas e a enerxía sin poder de influencia nin siquera para manter, aínda que sexa na nomenclatura, a galeguidade desa empresa senlleira do noso pais.

O que xa lles dixen, "a vida segue igual...". Como dicía Castelao, calquera día mexarán por nós e teremos que dicir que chove, ou non?

Comentarios