Opinión

Abel, aínda que ti poidas, España non...

Resulta máis práctico dicir e prometer aos seus veciños e conciudadáns que non se preocupen pola seca e polas restricións que el, na súa inmensa magnanimidade, vailles traer auga natural de calidade excelente de onde faga falta

Unha das características fundamentais dos gobernos populistas e irresponsables é aquela que fai honra daquel vello dito que reza: "fai o que eu diga e non o que eu faga"… Así, na teoría, non hai goberno "máis sensible" co cambio climático, coa sostenibilidade, co consumo razonable dos recursos, etc. que aquel presidido por un gobernante que só pensa na súa imaxe e en perpetuarse no poder aínda que para elo teña que terxiversar e manipular a realidade influíndo de tal xeito no seu público que calquera opinión, por razonable e obxectiva que se faga en contra da "doctrina oficial", convértese automaticamente en herexía, digna de excomuñón. 

Mentres asistimos a unha crise enerxética sen parangón en todo o mundo e desde o Goberno de España se propoñen e promulgan medidas de aforro para que as poña en práctica a cidadanía, vemos como hai gobernantes (da mesma corda política que o que está na Moncloa) que fan oídos xordos a todas estas iniciativas que parecen estar feitas para que as cumpran os demais e non eles, demostrando unha vez máis o seu carácter profundamente insolidario e irresponsable. 

Son un mal exemplo ético do que se debe facer como representante político, máis aínda cando pretenden xustificar o derroche que fan como unha medida acorde co aforro enerxético menosprezando a capacidade intelectual do público ao que se dirixe. Aínda así, debido ao estado de adormecemento e mesmo sometemento da sociedade sobre a que goberna, o común dos mortais ten tendencia a xustificar dalgún xeito a tropelía que o gobernante intenta levar a cabo deixando para iso que aflore o carácter individualista, edonista e mesmo egoísta do ser humano fronte ao interese xeral. 

Deste modo, o público dá por válidas as súas explicacións e incluso se posiciona en defensa das súas teses. Así, considera normal que en medio de todo o que está caíndo se aumenten en Vigo o número de rúas con iluminación de Nadal de tal xeito que pasarán das 360 do ano pasado ás 400 que se prevén para o 2022. Nesta liña, o alcalde vigués, Abel Caballero, xa se apresurou a dicir que esa medida, ao contrario do que o común dos mortais podería pensar, é unha decisión de aforro acorde coas circunstancias na que nos atopamos xa que, paralelamente ao aumento do número de bombillas leds que este ano pensa colocar e prender, reducirá nunha hora o horario de encendido das luminarias o que suporá un 14% de diminución do consumo, xusto o dobre do que recomenda o Goberno Central… 

Olé! Con dous narices. Este é o mesmo individuo que non ten inconvinte ningún en propoñer e impulsar a construción de encoros nos ríos Verdugo e Oitavén e mesmo estar disposto a secar por completo dous afluentes que contribúen de xeito determinante non so a manter a biodiversidade das ribeiras de ámbolos dous ríos senón que son as canles de aporte de auga doce necesarias para equilibrar a salinidade das augas da ría de Vigo que permiten manter con vida aos moluscos e a actividade extractivas da que se sosteñen centos de familias que se adican ao marisqueo. 

Resulta máis práctico dicir e prometer aos seus veciños e conciudadáns que non se preocupen pola seca e polas restricións que el, na súa inmensa magnanimidade, vailles traer auga natural de calidade excelente de onde faga falta, mesmo do berce onde nacen os ríos Verdugo e Oitavén, a costa dun auténtico paraíso (que non un páramo como insiste en dicir) co único fin de satisfacer o seu ego como gobernante sátrapa que busca nesta causa unir adeptos para seguir mantendo o seu discurso de victimismo e manterse no poder. 

Pola contra, auditar a rede de abastecemento de auga, mellorar o funcionamento das depuradoras, poñer en prácticas medidas de uso responsable da auga e de concienciación cidadá e mesmo eliminar o baldeo con auga potable das rúas da súa cidade son cuestións que nin se plantexa nunha voráxine xeral de despilfarro no que non se incentivan pautas eficientes de consumo senón que, pola contra, se estimulan comportamentos derrochadores a base de incrementar os aportes de auga en lugar de racionalizar o seu uso. 

Abel Caballero xa ten unha idade e seguro que coma moitos de nós lembra aquela vella campaña publicitaria de Televisión Española, a de branco e negro e unha única cadea, que dicía sobre o despilfarro da enerxía e dos recursos do país algo así como: "Aínda que vostede poida (referíase a pagar o recibo da luz ou da auga), España non pode". 

Así que, nestes tempos difíciles é onde os gobernantes deben dar exemplo de que ante as adversidades son quen de liderar para o conxunto da sociedade os pasos a dar no bo camiño e, como neste caso, o alcalde máis acertado non é o que máis luces ten senón aquel que mellor as utiliza, ou non?

Comentarios