Opinión

Abel Caballero, o insaciable

POR FIN chegou a choiva… nin tanto nin tan calvo, que diría algún ao ver como o pasado domingo entraba desde a costa unha cicloxénese explosiva, con nome de muller, que fixo nun día o que non pasaba desde o mes de maio, é dicir, encher ata máis dun 70% a capacidade de almacenaxe de auga do encoro de Eiras e desbordar o río Verdugo que, ata o momento, languidecía arrastrándose de xeito lastimoso entre penedos desde A Lama ata Soutomaior, pasando por Ponte Caldelas.

Os pontecaldeláns recibían con agarimo a chegada da choiva milagreira que fai que este fenómeno atmosférico se convirta en arte en Galicia, como solución idónea ao problema do trasvase do Verdugo cara o encoro de Eiras; eso si, sin deixar de mirar de reollo para a subida do cauce do río que por momentos anegou os lugares de costume.

A lóxica do común dos mortais falaba de que esa infraestrutura precisa para o trasvase, valorada inicialmente nuns 6 millóns de euros, estaba claro que non sería para unha duración efímera senón máis ben permanente


Os comentarios de alivio foron xeralizados porque parecía que a chegada da auga milagreira poría fin, ao igual que no 2011, ás demandas do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de trasvasar dun xeito permanente gran parte do río Verdugo cara ao encoro de Eiras. Pois non, a reiterada petición do rexedor vigués segue activa e cada vez queda máis nun segundo plano a provisionalidade dun invento que se lle quixo vender á cidadanía como efímero pero que desde un primeiro momento reclamaban desde a cidade olívica como definitivo.

E volta de novo ao artigo que publiquei en Diario de Pontevedra hai dúas semanas… Quen vai contradicir ao alcalde socialista vigués cando xa se adiantou a dicir aquelo de "non se atreverán a negarlle a auga a Vigo…" e claro desde a Xunta e Augas de Galicia entenderon perfectamente o recado sobre todo nunha praza onde Caballero pisa forte e por onde pasan as aspiracións do PP de tentar recupera-la Deputación de Pontevedra.

Polo tanto estamos de novo ante unha situación onde se xoga ao gato e ao rato co cidadán posto que para esta viaxe non facían falta semellantes alforxas e os políticos seguen a pensar que os veciños de Ponte Caldelas non teñen a madurez suficiente para entender as cousas e seguimos meténdoas pola porta de atrás. E dicir, a lóxica do común dos mortais falaba de que esa infraestrutura precisa para o trasvase, valorada inicialmente nuns 6 millóns de euros, estaba claro que non sería para unha duración efímera senón máis ben permanente. Entón, por que non se dixo desde un principio? Porque non interesaba políticamente falando.

Agora, si se leva adiante o proxecto está máis clara a intención inicial de Abel Caballero, coa connivencia de Augas de Galicia, en resolver pola vía do trasvase o que ninguén se atreve a dicirlle ao rexidor vigués que non é outra cousa que optimice o seu obsoleto sistema de distribución de auga potable na cidade máis poboada de Galicia que perde casi a metade do caudal do líquido elemento que capta nos seus afluentes.

Este problema tamén o tiña Pontevedra non hai moito tempo, quizais a xente esquécese de cando a cidade, sobre todo na parte alta e a partir do cuarto piso, tiñan escaseza de auga. A cidade do Lérez chegou a detectar unha anomalía en forma de fuga de auga do 55% do caudal captado para a traída municipal. Agora, despois de investir o goberno municipal pontevedrés en saneamento está en tan só o 5% que xa é unha cantidade razonable.

O que non pode ninguén é eludi-las súas responsabilidades e tanto é irresponsable o que non fai nada para resolver esas perdas, que máis que unha traída de augas parece unha cesta, como o que autoriza unha situación semellante por medo a dicir que non e teña acarreado un custe electoral excesivo para os seus intereses.

En fin, si ninguén o resolve e por moito que chova parece que a sentencia contra o río Verdugo está feita e publicada agora só falta a súa execución sumarísima agás chegue o indulto por medio dunha reflexión meditada polos responsables políticos con sentido de Estado ou a cidadanía dictara cando conveña a súa sentenza, ou non?

Comentarios