Opinión

Acordámonos de votar cando trona

p arece que desde o Goberno de España teñen previsto manter o Estado de Alarma ata que chegue o solsticio de verán, ou máis concretamente, para cando se sobrepase no calendario o 24 de xuño, día de San Xoán, e non tanto para que poidamos celebrar cunha grande fogueira o que nos queda atrás ou saborea-las famosas sardiñas que por esa época pingan o pan, senón porque hai que cumprir co compromiso asumido cos nacionaistas vascos de que para xullo se poderían celebrar eleccións autonómicas tanto en Euskadi, como ven sendo habitual, como tamén en Galicia.

Atopar unha data concreta para celebrar estes comicios non parece tarefa doada pola ameaza dun máis que previsible rebrote da actividade do Covid-19 (a evolución do coronavirus noutros países do mundo onde actuou antes que no noso indican que así será) polo que están xa a traballar a pleno rendemento os respectivos staffs dos presidentes de Euskadi e Galicia para escolle-lo día axeitado para a cita coas urnas que, polo que parece, será "axiña", en palabras de Núñez Feijóo, e que se situaría entre o 12 e o 19 de xullo.

O 5 de xullo parece moi preto do levantamento definitivo do Estado de Alarma e o 26 sería coincidente coa celebración do día de reflexión en pleno 25 de Xullo, Día da Patria Galega ou Día de Galicia, según se prefira, moi mediatizado por ser unha data moi senlleira e con demasiada carga político-institucional que non sería a priori preferida polo mandatario galego e tampouco polo vasco.

Estando así as cousas e tendo en conta que tódolos informes xurídicos falan de que unha vez aprazado o proceso electoral previsto para o mes de abril se ten que comezar todo de novo, ten que haber unha marxe de 54 días entre que Feijóo e Urkullu («al alimón», como fan ultimamente) decidan dar o pistoletazo de saída a uns comicios que virán a refrendar, ou non, a súas respectivas xestións ao fronte de ámbalas dúas administracións autonómicas durante a crise sanitaria máis grave vivida no noso país nos últimos cen anos.

Moitos analistas políticos sitúan entre o 12 e o 19 de xullo a mellor data para celebrar estes comicios non tanto polas condicións sanitarias, que se prevén aceptables grazas á suba de temperaturas do verán o cal parece, segundo algúns estudios (outros din que non afecta en nada este tema), que axuda a contraer a acción do coronavirus e, por conseguinte, a súa expansión.

Pero hai outro motivo máis importante do que fuxen os políticos como gato escaldado da auga fría e non é outro que o devastador efecto que o paso do Covid-19 deixará na economía do noso país con millóns de postos de traballo perdidos e milleiros de empresas e autónomos en cese de actividade ofrecendo un panorama do tecido industrial e produtivo do noso país similar a unha hecatombe producida por un conflicto bélico.

O goberno de coalición entre PSOE e Unidas Podemos prepara a marchas forzadas alternativas que mitiguen o negativo impacto social e tamén político da súa xestión da crise sanitaria a través da posta en marcha de medidas como o Ingreso Mínimo Vital (IMV), con implantación a partir do mes de xuño, que tentará calmar ás miles de familias que van ver como o seu modo de vida baseado na cultura do esforzo e do traballo pouca cabida vai ter ante a falla de oportunidades para desenrola-los seus respectivos traballos condeando a gran parte da poboación a ter que buscar pola vía do subsidio un xeito de sobrevivir ante o negro panorama que se lle presenta.

E a pregunta lóxica é: Por canto tempo e quen pagará todo isto? Pois a resposta parece moi complicada a priori posto que, aínda que se fala de que serán as grandes fortunas as que asumirán gran parte desta carga a través de impostos sobre o seu patrimonio (transmisións e sucesións) ou sobre os seus beneficios (imposto de sociedades) a realidade soe ser ben distinta.

Manter o estado do benestar e a política de subsidios cunha masa salarial baixa e un nivel de empregabilidade da sociedade en total recesión parece complicado. Por outra banda, incrementar as cargas directas sobre as grandes fortunas vese un tanto difícil toda vez que a práctica nos demostra que nunca é así aínda que ese sexa o desexo de quen goberne posto que o capital non ten patria e rápidamente atopa xeito de migrar cara lugares máis cálidos e confortables para o seu patrimonio.

Incrementa-lo imposto de sociedades? Non parece moi viable toda vez que se prevén baixada de beneficios e unha enorme recesión económica que fará que a imposición por este capítulo non so non aumente senón que diminúa substancialmente.

Polo tanto, volvemos de novo ante un negro panorama onde o método para tentar salva-lo estado do benestar será, máis cedo que tarde, incrementa-los impostos indirectos e grava-lo consumo incrementando o IVE e exprimindo o imposto da renda. En definitiva, máis do mesmo, votemos a quen votemos, ou non?

Comentarios