Opinión

A amnistía e o Estado de dereito

Calquera opción política está lexitimada para acadar o poder, pero a calquera prezo? O sistema democrático español foi concebido polos "Pais da Constitución" para facilitar a máxima representación do maior número posible de sensibilidades políticas nos órganos de representación popular, é dicir, no Congreso dos Deputados, no Senado, nos parlamentos autonómicos e nos concellos. 

Deste xeito, o modelo elixido está baseado nun sistema imperfecto de representación que toma a Lei D'hont como fórmula a aplicar para que cada partido político obteña un determinado número de escanos. Este modelo constrasta con outros ben distintos, como o anglosaxón, por exemplo, que favorece ao bipartidismo baseado en que o que gaña se leva todo. Así, nas circunscripcións electorais aquel que obteña o maior número de votos, aínda que sexa só un, acaba gobernando. 

En España, o modelo que consagra a Constitución e o sistema electoral, favorece o acceso e a representación das minorías que, chegado o caso, poden unirse para desbancar á opción máis votada (caso habitual en Galicia para apartar ao Partido Popular do goberno dos concellos). Esta actuación, aínda que legal, ata a chegada de Pedro Sánchez como líder do PSOE, non tiña aplicación práctica para nomear ao presidente do Goberno de España. Agora, Sánchez, cunha interpretación particular e tamén lexítima, fai a lectura contraria para xustificar a súa alianza con Sumar e os soberanistas para evitar un goberno da opción política que recibiu o maior número de respaldos electorais e de escanos, neste caso o PP, pero que non son suficientes para obter unha maioría absoluta. 

Este método para chegar ou perpetuarse no poder pode resultar cuestionable desde o punto de vista moral, ético e estético, pero é unha opción lexítima e, sobre todo legal. O que resulta menos asumible e dixerible desde un punto de vista democrático é a “argamasa” política empregada para conseguir unir baixo un mesmo crisol político a todas estas opcións ideolóxicas tan dispares e ata certo punto contradictorias como son o PSOE e o resto de integrantes soberanistas da coalición que investirá con toda probabilidade a Pedro Sánchez como presidente. 

A fórmula utilizada para chegar a esta "entente" é a renuncia a elementos fundamentais do Estado de dereito e á separación de poderes impulsando para elo a cuestionada porta do indulto, a amnistía e o tratamento diferenciado entre os españois en función da comunidade autónoma na que residan utilizando para elo acordos económicos ventaxosos, transferencias e condonación de débedas. 

En democracia o fin nunca xustifica os medios e no proceso que se está a levar por Pedro Sánchez para lograr a súa investidura estase conculcando as bases fundamentais dun Estado de dereito impulsando desde o poder executivo todas os elementos dos que lle dota a Constitución para doblegar o sistema de contrapoderes e de equilibrios dunha democracia co único obxectivo de se perpetuar no poder aínda que para elo se traspasen todo tipo de liñas vermellas marcadas pola separación de facto dos poderes executivo, lexislativo e xudicial. 

A fotografía de Santos Cerdán, o número 3 do PSOE, con Carles Puigdemont acabou por certificar o que moitos pensaban que nunca se produciría como é darlle recoñecemento e trato de "President" a un prófugo que non para de burlarse da Xustiza sabedor de que os seus 7 deputados son decisivos para chantaxear e facer fincar de xeonllos a un candidato a presidir o Goberno de España, como Pedro Sánchez, cunha ansia desmedida por manterse no poder a calquera custe, aínda que o prezo sexa tan elevado que acabe por desmoronar os principais principios democráticos dun país. 

Desde o poder executivo estase instrumentalizando ao lexislativo para menoscabar ao poder xudicial enmendando pola vía dos indultos os seus pronunciamentos e pola vía da renovación dos seus órganos de goberno e dos máis altos tribunais, como o Constitucional, a súa composición para que sexa máis “sensible” e favorable aos intereses do Goberno, algo que miramos con asombro na Rusia de Putin e mesmo na Hungría de Víctor Orbán (sen entrar no que está a pasar en países iberoamericanos como Venezuela ou Nicaragua). 

Dicíamos nestas mesmas páxinas de Opinión de Diario de Pontevedra hai xa casi dous meses que todo o que está a acontecer se dirimirá no “Var” que supón para a nosa democracia o Tribunal Constitucional, para elo xa se fixeron os movementos precisos para que a súa composición sexa a axeitada á hora de avaliar o que se está a piques de consumar. 

Así, todo parece indicar, que nesta mesma semana ou como máis tardar na seguinte, se presentará a debate no Congreso a amnistía (punto de partida cara á independencia, segundo dixeron os propios soberanistas), casi ao mesmo tempo que se celebraría a sesión de investidura como claro reflexo da falta de confianza dos uns sobre os outros e temendo que Pedro Sánchez faga un dos seus habituais "cambios de opinión" que impediría cumprir co pago acordado deixando en mal lugar a Carles Puigdemont e aos seus acólitos. 

A falta de cultura e formación esta levándonos a considerar como normal unha visión "forofista" da vida política en lugar de pensar con racionalidade e esixir que se apliquen con obxetividade, neutralidade e sentido común unhas regras de xogo iguais para todos, recollidas na Constitución que, ata o de agora, é o texto legal en vigor e socialmente aceptado pola inmensa maioría da sociedade española. Se non, correremos un serio perigo de que, calquera que chegue ao goberno, teña a tentación de manipular ao seu antollo aos outros poderes do Estado para facer da súa capa un saio, ou non?

Comentarios