Opinión

Ata para mover marcos hai que ter xeito

Estaba buscándolle un novo acubillo para un feixe de papeis que, dun xeito inexplicable e teimudo, se van apropiando do escritorio que teño habilitado na miña casa como lugar de traballo cando tomei a decisión de someter todos eses "legaxos" a un concienzudo "expurgo". 

Estaba eu absorto no proceso de selección cando caiu nas miñas mans unha vella entrevista que lle fixeran ao meu amigo e popular actor vilagarcián Carlos Blanco cando tiña en antena aquel Late Night Show denominado dun xeito un tanto pretencioso, pero ben acaído polo seu formato ácido e retranqueiro, "Somos unha potenzia". Non sei si o recordarán vostedes, pero tiña un formato que a min, particularmente, gustábame moito e que sería cousa de recuperar para a televisión autonómica como un programa de inxenio e calidade sempre útil, interesante e apetecible para os tempos que corren. 

Naquel programa non faltaban ocasións para mesturar o bo humor coa retranca e tamén coa actualidade onde os tópicos galegos ían dando forma a diferentes entrevistas e pequenas pezas e monólogos que ía intercalando o presentador para poñer de relevo que o noso xeito de ser, a nosa idiosincrasia como pobo, lonxe de decaer ou estar pasado de moda collía certa vixencia e modernidade. 

Algo así sentín cando vin a noticia relativa a un agricultor belga da localidade de Erquelinnes que a piques estivo de provocar un conflicto internacional por mover unha pedra duns 150 quilos a unha distancia da súa ubicación habitual de nada máis e nada menos que dous metros e medio. O motivo que fixo que este individuo emprendera esta ofensa aos tratados internacionais baseábase na necesidade de habilitar un maior espazo para poder facer máis sinxela a maniobra que habitualmente tiña que realizar co seu tractor para ir labra-las súas fincas. 

O tema non tería maior trascendencia se non fora porque ese pedrolo fora colocado no ano 1819 como límite territorial entre Bélxica e Francia despois dos acordos de paz tra-la batalla de Waterloo, no ano 1815, onde caiu derrotado o emperador francés Napoleón Bonaparte ante as tropas do duque de Wellington. O tratado de Courtai, asinado ao parecer nesa época, establecía naquel penedo o remate do chan galo e o comezo do territorio belga para poñer así fin aos litixios ocasionados polos desexos anexionistas do militar corso. 

Esta cuestión non tería maior transcendencia se non fora porque uns excursionistas guiados polas novas tecnoloxías, os GPS e todos eses trebellos de xeolocalización decatáronse de que a pedra filosofal desta historia non estaba onde tiña que estar. 

O agricultor belga, como seguro é sabedor o noso amigo lector, procede dunha cultura avanzada, europeísta polo que ante as dúbidas expresadas polos inoportunos visitantes respecto ao lugar axeitado que debería ocupar aquel penedo, recoñeu que fora el quen decidira ampliar o territorio patrio cara Francia e favorece-la maniobrabilidade do seu tractor. 

O incidente non pasa de ser unha cuestión anecdótica, pero para evitar crear calquera tipo de roce nesta Europa Unida e teóricamente sen fronteiras, as autoridades belgas conminaron ao agricultor confeso a devolver ao seu punto de orixe o cantullo desprazado e así non seguir alimentando a típica rivalidade local que enfronta "amigablemente" a belgas e galos desde hai moitas xeracións. 

Cando estaba a comentar esta noticia cun par de veciños da miña parroquia, xa ben veteranos, miráronse un para o outro e preguntáronme: "Onde dis que foi iso?" Eu contesteilles que fora na fronteira entre Bélxica e Francia, na vella Europa. "Xa me parecía que aquí en Ghalisia non podería ser…" E logo? Pregunteille eu, extrañado. "Porque esas cousas fanse para que non te pillen, pola noite e ás agachadas. E si te collen movendo o marco, o que é de lei e é costume é que neghes todo e, si queren, que devolvan o penedo para o seu sitio, se son capaces, porque desde logho eu non lle emprestaba o meu tractor, fódase!"… 

Aí foi cando comprendín dun xeito rotundo e clarificador que, como dicía Carlos Blanco, somos unha potenzia e que por moito que pasen os tempos e nos invada a modernidade e a globalización, Galicia é sitio distinto, ou non?

Comentarios