Opinión

Calumnia que algo queda

O panorama político español anda estes días un tanto revolto pola falta de acordos para renovar o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) e a negativa de Alberto Núñez Feijóo a pactar, de momento, nada co Partido Socialista de Pedro Sánchez, decepcionado pola intención do presidente do Goberno en rebaixar as condenas polo intento de secesión en Cataluña e agradar deste xeito a Puigdemont, Esquerra e mesmo aos seus socios de Unidas Podemos.

Esta negativa chega nun momento de lembranza histórica do 40 aniversario da victoria nas urnas de Felipe González e a implantación do primeiro goberno socialista despois da Transición. Feijóo non tivo nunca o máis mínimo problema e rubor en recoñecer que foi un deses millóns de votantes que depositaron a súa confianza, no ano 1982, na principal figura do socialismo español da segunda metade do século XX.

Moitos son os debates que nas distintas tertulias políticas se dan estes días sobre a necesidade de buscar o consenso e de si antes, na Transición, había un maior nivel cultural e político nos principais protagonistas, con respecto ao que existe agora, o que permitía tecer lazos e artellar acordos para seguir profundizando na incipiente democracia que se estaba a construír naquel momento, entre todos.

A coincidencia sobre o maior nivel intelectual dos actores políticos de antes con respecto aos de agora é unha constante e ninguén nega que persoeiros como Adolfo Suárez, Felipe González, Alfonso Guerra, Manuel Fraga, Santiago Carrillo e tantos outros marcaban a diferencia cos líderes e voceiros públicos que nos toca "sufrir" agora.

Por certo, as celebracións do 40 aniversario da chegada ao poder do Partido Socialista non estiveron exentas de polémica entre os novos dirixentes da formación do puño e a rosa e as vellas glorias que como Alfonso Guerra amósanse moi críticos coa deriva que está collendo a nova dirección política do seu partido, máis preocupado en pactar cos independentistas e Unidas Podemos que en sacar adiante os postulados tradicionalmente socialdemócratas.

Guerra, un dos pais da Constitución e un dos principais artífices desa victoria, tivo que agardar ata o último momento para coñecer si estaba convidado ou non a participar neses eventos a pesar de ser un dos integrantes do tándem que naquela época chegaron a representar González e Guerra.

Os tempos son diferentes e a política devaluouse por completo. Agora o método de combatir fronte a un rival político non pasa pola confrontación de ideas, de proxectos, de iniciativas ou mesmo de concepcións ideolóxicas sobre o funcionamento da sociedade ou da propia democracia senón que a controversia céntrase directamente no ataque persoal, en desacreditar ao adversario, ridiculizalo nas redes sociais e mesmo socavar a súa honorabilidade.

Postos a traballar os estrategas da Moncloa xa saíron en tromba a dicir que o efecto Feijóo esmorece e que a súa capacidade para xestionar e mesmo pactar é nula. Os insultos están á orde do día e as redes sociais son utilizadas como armas arroxadizas sobre a dignidade das persoas con total impunidade fomentando o odio e unha linguaxe violenta.

Detrás deste novo modelo político agóchanse actos de consecuencias imprevisibles e que rozan os totalitarismos como sucedeu coa derrota en urna de Donald Trump e o seu chamamento a non recoñecer a victoria de Joe Biden ou, como agora, a derrota de Bolsonaro por parte de Lula que está a mobilizar en Brasil a auténticos "líderes sociais" como Donato ou mesmo Ronaldinho con plantexamentos golpistas ou cando menos negacionistas da validez dos procesos electorais en función do resultado que se obteña nas urnas.

Retrocedemos en calidade democrática por moitas razóns, pero sobre todo pola falta de cultura xeral e política do conxunto da sociedade que non é quen de discernir nin interpretar con obxectividade e capacidade intelectual as distintas mensaxes manipuladas que desde as redes sociais se emiten de xeito constante e que, ante a fraxilidade formativa dos receptores das mesmas, penetran como choiva menuda provocando un efecto pernicioso sobre a percepción que se ten das distintas institucións e mesmo sobre as persoas que as representan.

Hoxe máis que nunca faise necesario ampliar a nosa cultura, o noso coñecemento e o noso espírito crítico para vacinarnos, para blindarnos, fronte ás mensaxes de manipulación que pretenden substituir pola vía do "coñecemento emocional" a racionalidade e a capacidade de evaluación propia dos seres intelectualmente avanzados. Mentras non nos deamos conta diso seremos un blanco doado non so dos malos políticos senón tamén dos manipuladores de conciencias, ou non?

Comentarios